InicioSociedadeRifirrafe entre o Concello de Vigo e a Xunta a conta da...

Rifirrafe entre o Concello de Vigo e a Xunta a conta da xestión da presa de Eiras

O Concello de Vigo recorre a licitación de explotación da presa de Eiras porque "xa é competencia" municipal. Xunta sinala que "hai disposicións legais" que o municipio vigués "ignora desde a súa orixe" e que se lle reclaman "desde hai moito tempo".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo recorrerá a licitación do servizo de explotación, conservación e mantemento da presa de Eiras que expón a Xunta de Galicia, xa que, ao seu xuízo, se trata de “unha competencia que xa é do Concello”.

Así, nunha rolda de prensa, o alcalde, Abel Caballero, asegurou que xa en 1962 esta explotación foi concesionada ao Concello de Vigo, polo que lamentou a “estafa” que supón, segundo el, que o Goberno galego “estea empeñado en facer pagar a Vigo 655.000 euros polo mantemento de Eiras”.

“A Xunta non respecta esa concesión, por iso lle imos gañar outra vez. Outra vez a Xunta querendo facer pagar a Vigo 655.000 euros de algo que xa é unha concesión”, apostilou Caballero mentres ensinaba aos xornalistas o Boletín Oficial do Estado (BOE) do 17 de agosto de 1962, onde se concesionaba este servizo.

Abel Caballero dixo que é o Concello de Vigo o que “fai todo” e o que paga Eiras. “Só hai unha supervisión técnica a cargo da Xunta”, indicou, tras o que volveu a cargar contra o Executivo autonómico porque, segundo Caballero, tamén outros concellos que se abastecen con auga dese encoro terían que pagar a parte que lles corresponde deses 655.000 euros.

DISPOSICIÓNS LEGAIS

En canto a estas declaracións, fontes da delegación territorial da Xunta en Vigo aclararon que o Goberno galego “non quere cobrar pola presa de Eiras”, senón que “hai disposicións legais” que levan en Vigo “desde a súa orixe” e que son reclamadas ao Concello de Vigo “desde hai moito tempo”.

“É necesario aclarar que o canon da auga o pagan os usuarios, non os concellos. A taxa de regulación que se lle está pasando ao Concello de Vigo tena que pagar o Concello porque para iso lles cobra polo abastecemento de auga aos veciños. O canon da auga é unha taxa ambiental que se paga polo consumo da auga en cumprimento do Directiva Marco da UE. A taxa de regulación establécese para que a Administración que se beneficia dun sistema de abastecemento de auga asuma os custos de conservación”, indicou.

A Xunta engadiu que o sistema de abastecemento de Vigo se serve da auga do encoro de Eiras, que necesita “traballos continuos” de mantemento e de seguridade que o Concello “non fai”, a pesar de ser o titular, polo que son feitos pola Xunta.

“Desa forma, a concesionaria chama directamente a Augas de Galicia cada vez que, sen ir máis lonxe, se funde unha lámpada, e a Xunta vai e cámbiaa. Tamén supón estar permanentemente velando pola seguridade da presa. O Concello de Vigo si asume a xestión e seguridade da presa de Zamáns”, explicou.

CUSTOS

Para a Xunta, eses traballos teñen un custo, polo que indicaron que a lexislación de augas, prevé que ese custo de xestión dos encoros da Comunidade “se repercutan nos titulares dos sistemas de abastecemento a través do chamado canon de regulación”.

“A Xunta só lle cobra a taxa aos concellos que son titulares dos sistemas de abastecemento, neste caso a Vigo. A Xunta non lle cobra nada nin a Moaña, nin a Cangas nin a Redondela nin a Porriño. Con todo, o Concello de Vigo, a través da súa concesionaria, Aqualia, si lles cobra unha taxa a estes concellos. É o Concello de Vigo o que lles cobra, non a Xunta“, sentenciou.

ÚLTIMAS

Detido en Vigo un home por unha presunta agresión sexual a un menor nos baños do Centro Comercial Vialia

Un home foi detido na tarde deste pasado xoves en vigo por supostamente agredir sexualmente...

Detido en Ferrol outro home pola súa suposta vinculación cun grupo especializado en secuestros asentado en Vigo

A Garda Civil detivo en Ferrol a outro home pola súa suposta vinculación cun grupo especializado...

Críticas de Caballero á Xunta: “Din que non a Medicina e que non deberiamos ter aeroporto”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a arremeter este xoves contra a Xunta...

O BNG de Vigo levará unha moción reclamando a fin do “abandono” das instalacións deportivas municipais

O BNG de Vigo confirmou a presentación dunha moción para o próximo pleno na...