O Goberno municipal de Vigo tachou de “propagandístico electoral” o anuncio feito este venres pola delegada territorial da Xunta na cidade, Corina Porro, de que se construirá un gran centro de saúde nun dos actuais edificios xudiciais da rúa Lalín, e que o proxecto se porá en marcha cando eses edificios sexan desaloxados para trasladar a súa actividade á futura nova Cidade da Xustiza (no que era o Hospital Xeral).
Así o trasladou a concelleira socialista de Política Social, Yolanda Aguiar, quen dixo que o anuncio da Xunta é “pura ciencia ficción” porque eses edificios “seguirán ocupados uns anos máis”, dado o “enorme atraso” nas obras da Cidade da Xustiza e o “enorme sobrecusto” que teñen.
Aguiar indicou, así mesmo, que “non hai partida nos orzamentos de 2020” do Goberno galego para esa actuación, que enmarcou na “campaña electoral de Feijóo” de cara ás eleccións autonómicas do ano que vén.
A edila viguesa recalcou que a “credibilidade” do Goberno autonómico na cidade, en materia de sanidade pública, é “nula”, e puxo como exemplos a construción dun “hospital privado”, en alusión ao Álvaro Cunqueiro; a dimisión de 22 xefes de Atención Primaria por falta de recursos e sobrecarga; ou o “enorme tirón de orellas” dos órganos consultivos autonómicos pola deterioración da sanidade pública, en beneficio da privada.
“O PP está en campaña, nótase a súa desesperación, e cos anuncios grandilocuentes xa temos experiencia”, subliñou Yolanda Aguiar, quen lembrou que o Concello de Vigo expropiou un solar e cedeuno ao Sergas en 2008 para construír un centro de saúde de Bouzas e, a día de hoxe, o solar segue como estaba hai 11 anos.
Un novo Centro Integral de Saúde en Vigo dedicado á primeira galega licenciada en Medicina