InicioPolíticaAbel Caballero indica que se pechará pronto o cobro do IBI á...

Abel Caballero indica que se pechará pronto o cobro do IBI á Universidade

O concello, a institución académica e Zona Franca acordan melloras no transporte ao campus.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este xoves que as conversacións coa Universidade olívica para que a institución académica abone o diñeiro que debe en concepto de IBI avanzan e pronto darán os seus froitos, e sinalou que a previsión é que a UVigo pague a parte correspondente ás sentenzas que recollen esa obrigación, mentres que o resto “se fraccionará”.

Así o trasladou en rolda de prensa, tras manter un encontro co reitor, Manuel Reigosa, no que tamén estivo presente o delegado do Estado en Zona Franca, David Regades, e no que se abordaron actuacións para mellorar o transporte ao campus, tanto desde a cidade, como desde a zona do Val Miñor.

Tras a reunión, o alcalde lembrou que segue “pendente” de resolver a cuestión do IBI (a débeda da Universidade co Concello é duns 6 millóns de euros), pero precisou que o modo de resolvela está “practicamente acordado”. “Pechar esta cuestión abre moito o campo para cooperar”, incidiu Caballero, quen subliñou que “se hai unha débeda, a lei impídenos cooperar máis”.

Nese sentido, sinalou que, cando se resolva a débeda, o Concello poderá facer efectiva unha subvención de 300.000 euros á Universidade, para ámbitos como a promoción do deporte, axudas ao comedor ou transporte, etc. “Estes 300.000 euros son independentes do que xa paga o Concello, case un millón de euros, para subvencionar os buses urbanos que van ao campus”, matizou o alcalde.

A preguntas dos medios sobre se pode rebaixar o IBI á Universidade ou se o reitor pedira unha rebaixa, o alcalde respondeu ironicamente cun “por pedir…”. En todo caso, puntualizou que “o Concello non rebaixa o IBI a ninguén”, salvo aqueles casos de familias que, por motivos sociais, si teñen rebaixas neste imposto.

MELLORAS DE TRANSPORTE

Por outra banda, tal e como relataron tanto o alcalde como o propio reitor, no encontro deste xoves acordouse introducir melloras no transporte urbano cara á Universidade. Segundo sinalou Manuel Reigosa, é necesario reforzar o servizo, sobre todo á primeira hora da mañá, unha petición que “os propios alumnos” trasladaron á institución académica.

Por outra banda, indicou o reitor, tamén se abordou co delegado de Zona Franca a necesidade de implementar unha “estación de transferencia” no parque industrial de Porto do Molle, en Nigrán (propiedade do organismo estatal). Deste xeito, nese punto poderíase coordinar o transporte de alumnos que van ao campus desde a área do Val Miñor.

ÚLTIMAS

Xulgan en Vigo un home acusado de abusos sexuais continuados a unha menor

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acollerá este...

Un ano de prisión por apropiarse de equipos dunha emisora para revender en tendas de segunda man

A Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebra este mércores 28 de...

O xulgado solicita á Policía Local información e documentos sobre o ‘Saltamontes’ no que morreu un mozo en 2024

O xulgado de instrución 3 de Vigo, que investiga o accidente sucedido en agosto do...

Alento celebra o seu 25 aniversario elaborando “a tortilla máis grande da historia de Vigo”

A Asociación de Dano Cerebral Alento celebrará este sábado, 25 de maio, o seu 25 aniversario cunha festa...