O Festival de Sitges estreará o 5 de outubro o documental ‘Universo Pinzás’ (2019), sobre a figura do director vigués Juan Pinzás, único cineasta en España recoñecido oficialmente polo movemento de vangarda Dogma 95.
Este filme de Víctor Olid, producida por Vial of Delicatessens, é un retrato do particular mundo do cineasta, a partir de testemuños e conversas que o propio Pinzás establece coa produtora Pilar Sueiro, o escritor Fernando Alonso Barahona e o equipo que leva a cabo esta produción.
Pinzás estará presente na presentación da obra, nun festival que tamén proxectará ‘A lenda da doncela’ (1994), unha das súas obras máis premiadas internacionalmente, con Fernando Guillén, Alejandra Grepi, Rafael Álvarez ‘El Brujo’ e Anabel Alonso, entre outros. Ademais, manterá un coloquio co público.
O cineasta galego mostrou o seu agradecemento por este tributo que lle rende o Festival de Sitges, que se celebrará do 3 ao 13 de outubro.
“Considero un privilexio estar presente nesta 52 edición do Festival de Sitges e con dobre presenza, por unha banda cun documental que penetra no meu cosmos cinematográfico, baixo a mirada do entusiasta e interesante cineasta novel Víctor Olid, en cuxa rodaxe gocei moito e revivín momentos marabillosos da miña traxectoria cinematográfica; máis de tres décadas xa, que me producen vertixe. E, doutra banda, cunha das miñas películas máis comprometidas, queridas e de maior orzamento, como é ‘A lenda da doncela’, que me deu moitas satisfaccións e impulsou a miña carreira internacionalmente”, expresou.