Bronco pleno no Concello de Vigo tras a decisión de Carmela Silva, presidenta en funcións do pleno, de non debatir unha moción do BNG sobre a situación do corpo de bombeiros da cidade. Unha decisión que provocou a airada protesta dun grupo de bombeiros que asistiron á sesión como público, con camisetas vermellas coa lema ‘Non todo é o que parece’, e carteis coa frase ‘Vigo sen bombeiros non é segura‘.
“Non tedes vergoña, xogades coa vida dos vigueses“, “Vivides nunha mentira”, “Mañá que vos arda a casa, a ver quen vai apagar”, foron algunhas das frases coas que os bombeiros increparon aos membros do goberno municipal.
MOCIÓN
A protesta tivo lugar logo de que se desestimara a moción urxente presentada polo concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, sobre a situación “límite” dos bombeiros da cidade, por, segundo explicou o secretario municipal, non cumprir os requisitos de urxencia que recolle o regulamento.
Así, o edil nacionalista rexistrou unha moción na que reclamaba que se constitúa unha mesa de negociación co comité de folga de bombeiros (levan 3 semanas de paro indefinido), que se elimine o decreto “abusivo” de horas extras sen comprometer a seguridade dos cidadáns e dos bombeiros, que se executen as OPE pendentes coa maior celeridade posible e que se busquen fórmulas para, de forma inmediata, reforzar o persoal do servizo.
Na exposición de motivos dáse conta da escaseza de efectivos neste servizo esencial (o comité de folga denuncia que non se cobren nin sequera os servizos mínimos decretados), e critícase que a “única” resposta do goberno de Abel Caballero ás demandas destes traballadores fose “negar o problema”.
Con todo, a moción non chegou a debaterse, nin no fondo nin na urxencia porque, segundo explicou o secretario municipal, José Risco, o regulamento do Pleno contempla que as mocións urxentes son aceptadas no caso de que ocorran “acontecementos relevantes” entre a convocatoria da sesión e a celebración da mesma.
A ese respecto, o secretario lembrou que tanto a convocatoria de folga como a publicación do decreto de servizos mínimos foron anteriores á convocatoria do Pleno. Por iso, a concelleira Carmela Silva, que nese momento presidía a sesión, deu por resolta a cuestión e pasou ao momento seguinte da orde do día.
Por outra banda, no capítulo de rogos e preguntas, o edil do BNG, Xabier Pérez Igrexas, expresou a súa protesta por considerar que se vulneraron os seus dereitos, ao non deixarlle intervir cunha ‘cuestión de orde’; mentres que a concelleira de Marea, Oriana Méndez, reclamou que o goberno se reúna co comité de folga de forma urxente, nun prazo de 24 horas.