InicioMedio Ambiente e PatrimonioA Xunta advirte a Caballero non haberá candidatura da Unesco "só con...

A Xunta advirte a Caballero non haberá candidatura da Unesco “só con Cíes” e o concello fala de “ataque a Vigo”

Acusa a Abel Caballero de xerar polémica "interesada" e chama ao "sentido común" en favor do "interese xeral"

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta de Galicia insistiu este xoves en que “a única posibilidade” de que Cíes sexa Patrimonio da Humanidade é conxuntamente co resto de illas do Parque Nacional Illas Atlánticas, na candidatura promovida polo goberno galego que, por outra banda, “é a única que se presentou e está rexistrada na lista indicativa”.

Así o trasladou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, nun encontro con medios en Vigo que se produce en plena campaña do alcalde olívico pedindo a retirada da candidatura da Xunta, e no que reiterou que o goberno galego “quere que Cíes sexa Patrimonio da Humanidade“, pero ese obxectivo non se pode alcanzar se se “rompe” a unidade ambiental e administrativa que representa o Parque Nacional.

De feito, puxo como exemplos outros espazos naturais en España, como o Parque Nacional do Teide, declarado Patrimonio da Humanidade no seu conxunto (e non só o volcán, aínda que é o símbolo máis recoñecible).

Por outra banda, o conselleiro lembrou que, desde que se iniciou a tramitación para lograr ese recoñecemento, en 2017, a proposta da Xunta xa superou dous “fitos”: foi aprobada polo Consello Nacional de Patrimonio Histórico e foi avalada pola Unesco, que a incluíu na lista indicativa.

TRABALLO COAS UNIVERSIDADES

A partir de aí, a Xunta traballa, en cooperación co tres universidades galegas (en virtude dun convenio asinado en xullo pasado), para cumprimentar o formulario esixido pola Unesco e que xustifica o “excepcional” valor de Illas Atlánticas para ser designadas Patrimonio da Humanidade. A documentación volverá pasar polo grupo de traballo dos técnicos do Ministerio e das Comunidades Autónomas e polo Consello de Patrimonio, antes de converterse en candidatura oficial.

Por contra, constatou Román Rodríguez, o proxecto impulsado polo goberno de Abel Caballero pasou por presentacións públicas, declaracións e campañas de promoción, pero o certo é que “non se presentou nin un só papel”. “Está moi ben promocionar as Cíes, é bo, pero as illas soas teñen mínimas posibilidades de prosperar (nunha candidatura a Patrimonio da Humanidade)”, resolveu.

“ATAQUE DESPROPORCIONADO” DE ABEL CABALLERO

O titular de Cultura e Turismo do goberno galego lamentou o “ataque desproporcionado” do alcalde de Vigo, Abel Caballero, á Xunta e á candidatura do Parque Nacional, e advertiu de que o rexedor vigués “pon en risco” a posibilidade de que Cíes reciba o recoñecemento da Unesco.

Por outra banda, tamén criticou a vinculación “interesada” que Caballero fixo entre a candidatura da Xunta e o “malestar real ou inducido” dos veciños de Ons con respecto ás cotas e ás restricións de acceso ao arquipélago. “Son cuestións distintas que se mesturaron de forma interesada”, aseverou.

Román Rodríguez incidiu en que esas restricións nada teñen que ver coa candidatura, senón que son froito da ordenación recollida no Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque. Lanzou tamén unha advertencia, ante os anuncios do alcalde de que enviará cartas ao Ministerio de Cultura e ao Consello de Patrimonio. Así, advertiu de que este organismo multilateral xa aprobou a candidatura, polo que unha eventual retirada da mesma da lista indicativa sería “unha contradición” sen precedentes, e que tería que “explicar”.

CHAMAMENTO AO “SENTIDO COMÚN”

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, lamentou a “polémica ficticia e innecesaria” xerada ao redor desta cuestión, porque tanto o goberno autonómico como o local queren que Cíes teña o recoñecemento da Unesco.

Por iso fixo un “chamamento ao sentido común” para que o Concello se sume á iniciativa da Xunta e vaian “da man” para conseguir ese obxectivo, “pensando só no interese xeral”, e subliñou que “haberá máis posibilidades se non se poñen chanzos no camiño”.

CABALLERO FALA DE “CANDIDATURA MORTA”

Pola súa banda, o goberno municipal de Vigo reiterou este xoves que a candidatura promovida pola Xunta “naceu morta” porque “non cumpre” os requisitos esixidos pola Unesco, e volveu a reclamar a Feijóo a “retirada inmediata” da devandita iniciativa, concibida para “parar” a candidatura que impulsa o Concello (e que pide o recoñecemento só para as illas Cíes).

A concelleira socialista Yolanda Aguilar, que dirixe o proxecto ‘Cíes-Patrimonio da Humanidade’, sinalou, en declaracións aos medios, que o posicionamento da Xunta, mantendo a candidatura de todo o Parque Nacional, “non deixa lugar a dúbidas do ataque á cidade de Vigo”.

Así, criticou que o goberno galego “perservera” nunha candidatura “morta”, que “ninguén coñece” e que “xamais” alcanzará o seu obxectivo porque non conta con respaldo social, con consenso dos titulares dos bens afectados, e presenta outros problemas, como o “vertedoiro” de residuos a dúas millas da illa de Sálvora.

Por contra, defendeu a edila, Vigo leva traballando “duramente” no seu proxecto desde hai anos, reuniu a máis de 40 expertos científicos, economistas, e doutras áreas, e perfilou unha “candidatura gañadora”.

Pola súa banda, o alcalde da cidade, Abel Caballero, reiterou a súa denuncia sobre o “engano masivo” de Feijóo ao resto de Comunidades Autónomas (representadas no Consello Nacional de Patrimonio Histórico) e ao Ministerio de Cultura, porque “ocultou” que a iniciativa do Executivo autonómico “non cumpre” os requisitos de Unesco.

Segundo o rexedor, estar na lista indicativa, como xa está a candidatura impulsada pola Xunta, “non ten ningún valor”, porque é un mero “trámite administrativo”, e “estará en lista indicativa eternamente”. Por iso, Caballero volveu a pedir ao presidente galego “que a retire inmediatamente”.

ÚLTIMAS

Vigo ‘pecha’ o seu Nadal ante a alerta laranxa por temporal

Ante a alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre fenómeno meteorolóxico adverso...

O conservatorio de Gondomar levará o nome de Conchita Quintas

Así o anunciou o alcalde Paco Ferreira durante o concerto de Santa Icía deste...

A Xunta dota de docente á unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil do Cunqueiro

A Xunta dotou á nova unidade de hospitalización de Saúde Mental infanto-xuvenil do Álvaro...

A sentenza pola explosión de Páramos fixa indemnizacións por máis de 9 millóns e 4 anos de cárcere para o acusado

A Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a penas que suman 4 anos de prisión a Francisco...