InicioPolíticaO BNG pide explicacións ao conselleiro de Sanidade polo "recorte" na atención...

O BNG pide explicacións ao conselleiro de Sanidade polo “recorte” na atención de Povisa

Asegura que o hospital deu a instrución interna de "reducir todas as actuacións en pacientes do Sergas que non acheguen valor engadido".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A deputada do BNG no Parlamento autonómico Montse Prado solicitou este mércores a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para que explique “o recorte” levado a cabo por Povisa na súa atención aos pacientes do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

En declaracións aos medios acompañada polo comité de empresa deste hospital privado de Vigo, a portavoz de sanidade do Bloque no Lexislativo asegurou que houbo unha comunicación interna da empresa na que “literalmente” se daba a instrución de “reducir todas as actuacións en doentes do Sergas que non lle acheguen ningún valor engadido”.

Ademais, e segundo denuncia Prado, o centro tamén aposta pola “liberación de recursos para mellorar cada vez máis o tempo de resposta a doentes privados”.

Para a deputada do Bloque, esta información “fai saltar todas as alarmas” porque “afecta ou pode afectar á cidadanía que ten asignada a súa asistencia sanitaria pública” neste hospital privado, en virtude do convenio que mantén co Sergas.

Así, os nacionalistas consideran “preocupante” o contido deste comunicado interno, porque “ou ben supón unha substitución dos criterios científicos que debe rexer as consultas”, ou ben “ata agora facíanse consultas, probas ou intervencións que non achegaban valor engadido ás persoas que se sometían a elas, co consecuente incremento do risco de efectos secundarios”.

“En calquera dos dous casos están en cuestión os criterios científicos usados e pode comprometerse a saúde das persoas atendidas, ao que habería que engadir o uso de recursos públicos que tiñan que ir para financiar a atención sanitaria dos doentes do Sergas destinados a incrementar a actividade privada”, denunciou.

“OPACIDADE” NAS CONTAS DE POVISA

Así mesmo, Montse Prado falou de “a opacidade e o escurantismo habitual” de Povisa á hora de presentar a súa contabilidade, posto que “non ofrece información desagregada do gasto que destina a atender a doentes públicos e privados”.

Ademais, asegurou, “utiliza o mesmo persoal” para ambos os sistemas sanitarios “e descoñécese se as innovacións tecnolóxicas as imputa ao concerto ou corren por parte do hospital”.

Por todo iso, o BNG ve “necesario” que o Sergas aclare “de inmediato” os criterios utilizados por Povisa e pide, ademais da comparecencia de Vázquez Almuiña, que se investigue o contido do comunicado interno.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...