A Garda Civil identificou uns restos humanos atopados na praia da Tablía, na localidade cántabra de Suances, que pertencen a un home desaparecido en Vigo, e cuxa ausencia foi denunciada en marzo de 1994.
A investigación, que se puido completar grazas aos avances no estudo do ADN, comezou o 12 de abril de 1994, cando se iniciaron as dilixencias tras atoparse uns restos humanos no areal suancino, que non puideron, nese momento, ser identificados.
Aínda que todo apuntaba que eses restos foran trasladados á praia cántabra polas correntes mariñas, nese momento foi imposible saber a súa procedencia, pero expertos do servizo de criminalística da Garda Civil tomaron mostras biolóxicas para a obtención do ADN mitocondrial, que non permitiron obter resultados positivos coa tecnoloxía de entón.
No entanto, a Garda Civil non cesou no seu traballo e en 2017 os avances técnicos permitiron obter novos indicadores do ADN humano, polo que se renovou esta investigación, engadindo os resultados ás diferentes bases de interese.
Pouco despois, os avances neste campo permitiron, en maio deste ano, que os últimos indicadores de ADN desen información coincidente con outros perfís xenéticos. Estes perfís coincidían coa nai e o irmán dun home cuxa desaparición foi denunciada en marzo de 1994 en Vigo, cando tiña 25 anos.
Con estes avances, ademais de abrir un maior campo á obtención de indicadores de ADN para o estudo de feitos delituosos, permítese, como neste caso, “a identificación de restos humanos e así que as familias poidan recuperar aos seus seres queridos”, segundo explica nunha nota de prensa este mércores a Garda Civil.