InicioEconomíaO Tribunal Superior recoñece o dereito dunha traballadora de Citroën a unha...

O Tribunal Superior recoñece o dereito dunha traballadora de Citroën a unha quenda de mañá fixa por conciliación

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu o dereito dunha traballadora da planta de Vigo de PSA Peugeot Citroën a exercer o seu traballo durante a quenda de mañá e non ter que rotar por motivos de conciliación laboral.

A sentenza, contra a que cabe recurso de casación, recolle que a empregada conta cunha filla nada en 2012 cuxo horario escolar comprende de 9,00 a 14,00 horas da mañá. Por iso, a súa nai, que goza dunha redución de xornada, demandou exercer o seu labor na fábrica de 10,00 a 14,00 horas co obxectivo de conciliar a súa vida laboral e familiar.

O tribunal considera probado que a demandante goza da redución de xornada desde 2015, data na que se modificou a súa quenda fixa en horario nocturno a outro comprendido entre as 12,00 e as 16,00 horas. A sentenza recolleu que a demandante solicitou fixar a súa quenda de 10,00 a 14,00 horas en marzo de 2018 e que esta petición foi rexeitada pola empresa.

No resumo de feitos probados indicouse que PSA asinou un acordo co comité de empresa segundo o que se establecían quendas rotativas de catro ou seis horas para os traballadores que gozasen de reducións de xornada con substitucións ás 12,00 e ás 16,00 horas.

Este acordo foi impugnado por CIG “obtendo sentenza desestimatoria de data 23 de xullo de 2018 do Xulgado do Social número 1 desta cidade, actualmente pendente de recurso de suplicación”. Contra esa sentenza, “interpúxose recurso de suplicación pola parte demandante, non sendo impugnado de contrario”.

En principio, a sentenza contra a que a traballadora interpuxo o recurso ante o TSXG dera a razón á empresa ao entender que non mostrara “a imposibilidade de acudir a outros mecanismos” para coidar á nena e que non se ratificou “a necesidade imperiosa para adecuar as condicións familiares e laborais de aceptar elhorario proposto pola traballadora”.

Ademais, sinalouse que non se acreditou o horario escolar da menor nin que o horario da empregada fose “especialmente desventaxoso para conseguir non só estar coa nena, senón a parella e a familia completa xunta, gozando de tempo en común”.

Tamén se sinalou que non se indicou se se contaba con “axuda de avós ou de terceiras persoas” nin se detallaron “as posibilidades de comedor no colexio” ou “actividades extraescolares” que puidesen facilitar o coidado da menor.

A ese respecto, o TSXG incidiu na necesidade de “ponderar todas as circunstancias concorrentes” para garantir o “dereito á non discriminación por razón de sexo da traballadora, implícito no seu exercicio do dereito á redución de xornada por motivos familiares”. Así, remarcou a importancia de que os tribunais non se limiten ao “ámbito da legalidade ordinaria” e que valoren “o dereito fundamental en xogo”.

Así mesmo, destacou o dereito da muller á conciliación e incidiu en que o feito de dispor dun comedor escolar non pode servir como argumento para negar a adaptación do horario da nai, xa que, ademais de supor un custo extraordinario, non se acreditou a prestación do servizo no colexio.

En canto ao argumento recollido na sentenza previa respecto de que non se acreditou se a muller dispón de axuda de terceiras persoas ou de que o pai non poida adaptar a súa xornada, o tribunal considerou que o goce da familia é un “dereito individual do traballador home ou da traballadora muller”.

A maiores, apuntou que “non existe ningún dato que permite afirmar que a petición de horario realizada pola traballadora supoña unha imposibilidade, ou que admitir o mesmo sexa notablemente gravoso” para a empresa. Por iso, deu a razón á empregada.

ÚLTIMAS

Incautados en Tahití case 524 quilos de cocaína nun pesqueiro con base en Vigo

A Mariña francesa incautouse dun alixo de 524 quilos de cocaína atopado nun barco pesqueiro con...

Abel Caballero saca peito do feito no ano 2024, “o mellor ano na historia de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo balance do 2024, "o mellor ano na historia...

Defensa da Sanidade Pública denuncia que o contrato da Xunta con Povisa “consolida a privatización hospitalaria”

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública denunciou que o contrato con...

OPINIÓN.- Vigo e a construción da paz mundial

A construción dunha Europa internacionalista e pacífica require unha profunda transformación nas dinámicas de...