InicioSociedadeAlboroto no sector do taxi de Vigo por un condutor que usa...

Alboroto no sector do taxi de Vigo por un condutor que usa saias para combater a calor

PUBLICADO O

É sabido que os ‘asuntos de saias’ poden chegar a ser tan sensibles como espiñentos, tanto que ata algún imperio cambaleou polo que agochan debaixo; o verdadeiramente insólito é o enfrontamento ao que unha saia cinguida ás cadeiras dun taxista abocou ao colectivo en Vigo.

O taxista en cuestión chámase Jorge, e saltou á fama pola súa decisión de poñerse ao volante ataviado cunha saia vaqueira con bastilla de flocos para combater a calor, aproveitando que a ordenanza municipal que regula a vestimenta do sector obviou a posibilidade de que a algún se lle ocorrese a idea de traballar con saias.

“Tamén podía ir en calzóns, porque tampouco vén recollido na ordenanza e seguro que iría moito máis cómodo e, neste caso, máis ventilado”, dixo a Efe Manuel Choren, presidente da Cooperativa de Taxis de Vigo, o maior grupo do sector.

O colectivo de Choren non ve con bos ollos a saia de Jorge: “Teño claro que estamos de acordo co que di a ordenanza municipal, porque foi aprobada en asemblea , vivimos nun país democrático e o que di a maioría é o que nós levamos adiante”, explicou.

Jorge converteuse estes días nun cobizado obxecto de desexo para as cámaras da prensa, pero nin quere facer declaracións nin quere pousar, menos aínda hoxe, que por mor da caída das temperaturas leva pantalóns, aínda que nin el nin quen lle apoia descartan sacar de novo a saia do armario cando a calor aumente.

“Trátase dunha reivindicación, unha por comodidade e outra pola negativa do Concello para aceptar a proposta que se lle fixo por parte da nosa asociación de regular o tipo de pantalón curto que se podía levar”, explicou, pola súa banda, Roberto Costas, presidente da asociación Elite Taxi, que defende a cruzada en saias do seu compañeiro Jorge.

Ambos os colectivos coinciden no esencial: en que o sector do taxi en Vigo é excelente e en que os clientes se merecen respecto, un taxi limpo e un taxista presentable, sen camisetas de asas, pantalóns de chándal ou chanclas.

Sucede que uns consideran que levar un pantalón curto “elegante, tipo chineses, tipo pinzas, pero regulado”, combinado con “camisa ou con polo de maneira que se manteña a imaxe pero tamén a comodidade do taxista”, lles parece un dereito elemental nestes días de tanto calor, mentres que os outros non o ven igual.

“O pantalón curto estivo a utilizarse ata o ano pasado e cada un utilizábao como quería. E a policía de Vigo non está para vixiar se levamos ou non o pantalón que temos que levar. Había xente que levaba o pantalón curto practicamente pola íngua e xente que o levaba polo xeonllo, e había xente que levaba bañador”, asegura Choren.

Namentres, o Concello garda silencio, mentres algúns taxistas están ás espera de que o sol volva caer en picado para decidir se dar voo á reivindicación de Jorge imitando a súa forma de vestir.

Outros, como Choren, cren que esta forma de protesta “é unha falta total de respecto” aos seus compañeiros: “El pertence á nosa asociación e a outras, e creo que o que está a facer está a facelo mal”.

ÚLTIMAS

O TSXG anula o calendario laboral de 2023 do persoal de Ilunion en Stellantis, Benteler e Lear

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) anulou o calendario laboral de 2023 do persoal...

Terremoto de magnitude 1,8 en Vilaboa

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou un terremoto de magnitude 1,8 con epicentro na localidade pontevedresa de...

Sindicato de Inquilinas Vigo urxe vivenda pública e regular prezos ante a “alarmante realidade” dos desafiuzamentos

O Sindicato de Inquilina Vigo-Baixo Miño urxiu este venres a regulación dos prezos de aluguer...

Unha sentenza recoñece un exceso de horas traballadas dos bombeiros de Vigo e obriga ao Concello a compensalas

Unha sentenza firme do xulgado do contencioso administrativo número 1 de Vigo obriga ao Concello...