O Porto de Vigo pechou o ano 2018 cun incremento do 4,2 por cento nos seus tráficos, e cun volume total que chegou a 4,3 millóns de toneladas. Así o trasladou en rolda de prensa o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, quen explicou que as mercancías con números positivos máis reseñables foron os metais (+53,65%), os produtos químicos (+28,15%), os alimentos (20,25%) e o granito bruto (11,64%).
Por contra, sufriron descensos os tráficos de automóbiles (-4,75%), o granito elaborado (-11,19%), a lousa (-12,32%) ou a pesca conxelada (-4,42%). Con respecto á pesca fresca, 2018 pechou tamén con resultado negativo, cun descenso do 12,34%, vinculado, segundo López Veiga, ao menor volume de cotas da flota.
O tráfico de colectores, por outra banda, creceu un exiguo 0,32% (en canto ao número TEUs que se moveron na terminal viguesa); mentres que o tráfico de cruceiros, en número de escalas, descendeu un 4% por cento con respecto a 2017, aínda que creceu un 13 por cento o número de visitantes (pasaxeiros e tripulantes).
A este respecto, Enrique López Veiga avanzou que o Porto de Vigo acometerá unha política comercial “máis agresiva” para mellorar as súas cifras de tráfico de cruceiros, e apostou por “traballar con turismo de Galicia e co Concello” para aumentar o atractivo do porto olívico como destino. Finalmente, a conta de resultados do Porto presentou un incremento do 19,6% na cifra de negocio con respecto ao ano anterior, cun resultado de explotación de case 3 millóns de euros.
CORREDOR ATLÁNTICO
López Veiga tamén advertiu este venres da necesidade de que haxa un “investimento forte” no Corredor Atlántico, xa que non se pode “deixar atrás” a Galicia e aos portos galegos, e “é algo que todo o mundo reclama”. Subliñou que a terminal viguesa ten unha boa situación contable e capacidade de investimento, pero moitas das infraestruturas necesitan, para o seu desenvolvemento, a actuación da administración central.