Por Pedro de Castro
No debate a catro do 26 de novembro, Alberto Núñez Feixóo pediu o voto coa súa «decencia e xestión» e comprometeuse a defender a sanidade, a educación e a vivenda pública. Contrastamos as súas palabras, transcritas do debate, co rexistro dos seus trece anos á fronte da Xunta, entre 2009 e 2022. O balance inclúe datos oficiais, informes de fiscalización, declaracións e informacións xornalísticas. Non todas as fontes acreditan o mesmo: por iso cómpre distinguir os feitos documentados das denuncias e das acusacións que non foron probadas.
«Les garantizo a ustedes decencia y gestión, que los trenes vuelvan a funcionar, que la vivienda pueda ser asequible», dixo Feixóo no peche do debate. E, noutro momento: «He gestionado la sanidad pública, la voy a defender, he gestionado la educación pública, la voy a defender. No me van a dar lecciones de defensa de los servicios públicos porque llevo 30 años gestionando servicios públicos». Esas palabras convidan a mirar para Galicia. Isto é o que rexistran os datos, os informes e a hemeroteca.
Vivenda: promete un millón de pisos; en Galicia, a vivenda protexida quedou paralizada
No debate, Feixóo propuxo cambios na lei do solo e na propiedade horizontal, licenzas en noventa días, rebaixas fiscais e avais para a mocidade. A promesa central da súa campaña é construír «un millón de vivendas públicas nunha lexislatura».
En Galicia, durante os trece anos dos seus gobernos comezaron a construírse pouco máis de 5.000 vivendas protexidas. Máis da metade concentráronse no primeiro ano, con proxectos herdados do bipartito de PSdeG e BNG. Entre setembro de 2020 e maio de 2022, rexistráronse 197 cualificacións definitivas de vivenda protexida, das que 82 correspondían a promocións públicas, segundo os datos do Ministerio de Transportes recollidos por EL PAÍS.

E cando se construía vivenda protexida, non sempre se facía sen polémica. En 2018, o Tribunal Supremo condenou Construcuatro, a construtora do entón alcalde popular de Sanxenxo, Telmo Martín, a devolver 1,2 millóns de euros por sobreprezos na venda de pisos protexidos en Navia (Vigo), pagar outros 2,4 millóns á Xunta e pasar seis anos sen poder construír vivenda protexida, segundo La Voz de Galicia. A condena foi á empresa, non a Martín persoalmente. O instituto de vivenda da Xunta de Galicia durante o mandato de Feijóo, arquivara a causa por falta de probas en 2005, dous anos depois das primeiras denuncias, obrigando aos propietarios a acudir aos tribunais. Os propietarios eran obrigados a pagar entre 30.000 e 60.000 euros de sobreprezos en diñeiro en metálico a Construcuatro como condición para poder acceder á compra das vivendas. Un diñeiro ilegal xa que as vivendas públicas eran a prezo tasado.
Cómpre tamén ser precisos: no debate, Ada Colau afirmou falsamente que Feijóo fixera «só 16 vivendas protexidas» nos seus últimos catro anos. Non é preciso recorrer a ese dato errado para describir o problema: as cifras oficiais xa documentan o parón da vivenda pública.
Sanidade: di que a xestionou e que a defenderá
«He gestionado la sanidad pública, la voy a defender», afirmou Feixóo. O balance galego obriga a mirar máis alá da frase.
O Tribunal de Contas constatou recortes sanitarios en Galicia, malia que a Xunta falaba de «blindar» a sanidade. A memoria do Consello Económico e Social de Galicia sinala que nos últimos quince anos se pecharon 1.181 camas hospitalarias, recolle Nós Diario. E máis do 33% dos consultorios locais de Atención Primaria existentes antes da chegada de Feixóo á Xunta pecharon, a maioría en zonas rurais, segundo outra información de Nós Diario.
A cobertura das emerxencias tamén dá que pensar. Galicia conta con 129 ambulancias do 061 para 313 concellos, cunha taxa de 4,8 por cada mil habitantes fronte á media estatal de 6,5, segundo datos do Ministerio de Sanidade recollidos por Nós Diario. En outubro de 2026, a Cadena SER informou de esperas de máis de media hora en Lugo.
No Baixo Miño e no Val Miñor, dúas historias poñen rostro a esa falta de medios. En 2017, unha muller de 77 anos faleceu tras sufrir un infarto na Ramallosa, en Nigrán. A ambulancia local estaba ocupada e a de Baiona non tiña quenda nocturna; a UVI móbil tardou 17 minutos en chegar desde Mos, segundo Telemariñas. En maio de 2022, sen ambulancia dispoñible no Rosal, o persoal do centro de saúde tivo que levar unha camilla 230 metros pola rúa ata o helicóptero do 061 cunha paciente que sufría un infarto, segundo La Voz de Galicia.
Durante a etapa de Feixóo, o SERGAS tamén externalizou servizos: a limpeza dos hospitais sen estudar se resultaría máis barata con persoal público, segundo eldiario.es; a esterilización do instrumental por 160 millóns, segundo EL PAÍS; e servizos médicos do hospital da Coruña por 97,5 millóns, segundo Público.
O caso máis emblemático en Vigo é o hospital Álvaro Cunqueiro. En 2009, Feixóo substituíu o proxecto de obra pública do bipartito por un modelo de concesión privada cun canon a vinte anos. En 2024, o Consello de Contas cifrou en 470 millóns de euros o sobrecusto dese modelo, nun informe remitido ao Tribunal de Contas, segundo eldiario.es. A concesionaria cuestionou os cálculos, como recolleu elEconomista. Os 470 millóns son a cifra do informe oficial.
En setembro de 2024, o PP rexeitou no Parlamento galego crear unha comisión de investigación sobre ese sobrecusto. O BNG anunciou que a impulsaría en solitario pola vía do regulamento, segundo eldiario.es. E hai unha frase de Feixóo que cobra outro sentido á luz deste caso. Durante a campaña interna para liderar o PP, dixo que cando un político inaugura un hospital hai que preguntarlle se o deixa pagado: «porque, si lo deja usted a deber, haga el favor de marcharse rápidamente y empezar a pagarlo».
Educación: «deféndoa»; a pública galega perdeu recursos
«No me van a dar lecciones de defensa de los servicios públicos», dixo Feixóo. Pero, segundo o cómputo de eldiario.es, a educación pública galega perdeu 335 millóns de euros e 1.500 profesionais durante os seus gobernos. Outros balances da etapa contabilizaron 164 colexios e 841 docentes menos, a metade de bolsas e un aumento do gasto na concertada, segundo Público.
A defensa dos servizos públicos tamén se mide nos orzamentos, nos cadros de persoal e no acceso efectivo aos recursos. Non abonda con reivindicala nun debate.
Trens: pide auditorías; en Angrois o seu partido vetou investigar
Feixóo centrou parte do debate nos accidentes ferroviarios de Adamuz e Urda. «116 muertos en menos de un año y ni palabra», dixo no minuto 2:29. Prometeu unha «auditoría palmo a palmo» dos corredores, con «ingenieros que sepan, no tuiteros». E formulou unha das frases máis contundentes da noite: «Nadie puede ser presidente del Gobierno si no garantiza que un español se suba a un tren tranquilo».
Galicia ten a súa propia memoria ferroviaria. O 24 de xullo de 2013, o Alvia 04155 descarrilou en Angrois, á entrada de Santiago: morreron 80 persoas e máis de 140 resultaron feridas. O accidente sucedeu co PP de Feixóo na Xunta e o PP de M. Rajoy no Goberno.
O PP galego vetou reiteradamente a creación dunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia. As vítimas e a oposición contabilizaron ata catro vetos, segundo eldiario.es e RTVE. Oito días despois do sinistro, a Xunta defendeu na Cámara que o operativo de emerxencias funcionara «razonablemente bien o muy bien». Porén, os partes do 112 rexistraban fallos de coordinación: máis de dúas horas para decretar o nivel de alerta 2 e unha hora e 46 minutos ata a chegada do camión de comunicacións, segundo eldiario.es.
No Congreso, a comisión de investigación sobre Angrois non saíu adiante ata cinco anos despois, co voto en contra do PP, segundo Europa Press.
Quen reclama agora auditorías para cada quilómetro debería explicar tamén por que o seu partido bloqueou durante anos unha investigación parlamentaria sobre o accidente ferroviario máis grave da historia galega.
AP-9: de bloqueala con Rajoy a reclamala con Sánchez
A autoestrada que vertebra Galicia segue sendo de peaxe medio século despois. A súa historia cruza varios gobernos do PP. En 2000, o Executivo de Aznar concedeu unha prórroga de 25 anos á concesionaria da AP-9. En 2003, catro días antes de vender Audasa a Sacyr, modificou a lei de autoestradas nun movemento que, segundo Público, tapaba a ilegalidade daquela prórroga. A Comisión Europea considera ilegal a extensión e mantén aberto un procedemento de infracción contra España, segundo elPlural. O Goberno de Pedro Sánchez tampouco a anulou malia os requirimentos europeos, segundo Público. Ferrol-Vigo custa 47 euros ida e volta fronte aos 20 euros de 2014.

En 2024, o BNG propuxo unha comisión de investigación sobre a privatización, coa comparecencia de Aznar e Feijóo, que era conselleiro de Infraestruturas do Goberno de Fraga cando se consumou. Era unha proposta do BNG, non un feito probado, segundo elPlural. O BNG cifra en 2.257 millóns de euros o recadado por Audasa en Galicia desde 1979, segundo Praza Pública. Outro apunte da época: o tesoureiro do PP Luis Bárcenas declarou en 2008 que presidía o sindicato de obrigacionistas de Audasa, cargo que aparece nos documentos das súas contas en Suíza, segundo Praza Pública.
A transferencia da AP-9 quedou bloqueada durante os gobernos de Rajoy, mentres a Xunta de Feijóo non a impulsou politicamente. En marzo de 2016, o Parlamento galego aprobou por unanimidade pedir o traspaso. O Goberno de Rajoy, xa en funcións, vetou a tramitación no Congreso en outubro de 2016 e volveu facelo en xuño de 2017, segundo Praza Pública.
Feixóo substituíu a transferencia por unha «comisión bilateral» de supervisión acordada co ministro Íñigo de la Serna, segundo Praza Pública. En 2017 dixo agardar por un informe xurídico que, segundo Praza.gal, xa estaba rematado. Os letrados do Parlamento advertían das limitacións das vías xudiciais, pero tamén da existencia de «outras vías» de «impulso político», segundo Praza Pública.
O xiro chegou co cambio de Goberno central. En abril de 2018, o Tribunal Constitucional desmontou o argumentario dos vetos de Rajoy, segundo Praza Pública. Uns meses despois, o Executivo de Sánchez levantou o veto e o PP pasou a esixir acelerar a transferencia que o seu partido mantivera bloqueada, segundo Praza Pública. En outubro de 2024, todo o grupo popular no Congreso, agás o propio Feixóo, que non votou, apoiou unha moción do BNG para iniciar os trámites de anulación da prórroga de Aznar, segundo Praza Pública.
Corrupción: declaracións, imputacións e condenas
«Yo no voy a admitir la delincuencia en el gobierno ni en la administración pública. Yo desde luego voy a ir contra los corruptos y se le acaba el chollo», afirmou Feixóo. Cando Ada Colau lle falou de corrupción, respondeu: «Habla usted de que ha gobernado 8 años en Barcelona y no le han encontrado nada. Yo 30»
Cómpre distinguir entre declaracións, imputacións, causas arquivadas e condenas. Pablo Crespo, exsecretario de Organización do PP de Galicia e número dous da trama Gürtel, declarou ante a comisión do Congreso que investigaba as contas do PP que o 65% do diñeiro empregado nas campañas electorais en Galicia era negro. Tamén afirmou que repartira sobresoldos en B e que os secretarios xerais coñecían a financiación ilegal, segundo Europa Press. En 2013 asegurara que entregara a contabilidade B do PP galego a Manuel Fraga e José Cuiña, como recolleu EL PAÍS. Xa en 2009, a Policía sospeitaba que Crespo pagara en negro a metade dunha campaña do PP, segundo La Opinión A Coruña.
A afirmación de que ningún membro do seu Goberno fora imputado foi cualificada de enganosa por Newtral. O conselleiro Agustín Hernández foi citado como imputado en 2010 por falsidade documental, nunha causa arquivada en 2011. A portavoz do PPdeG Paula Prado foi imputada por catro delitos de corrupción na operación Pokémon e exculpada posteriormente. E houbo condenados da etapa, como o director do Igape Joaquín Varela e o deputado Pablo Cobián, pola operación Campeón.
A Cadena SER recolle tamén os casos do alcalde de Santiago Gerardo Conde Roa, condenado por defraudar 291.000 euros a Facenda, e de Luis Carrera, cabeza de lista do PP por Ourense en 2009, que dimitiu tras coñecerse que cobrara 240.000 euros en comisións nunha conta nas Illas Caimán.
Enchufismo na Deputación de Ourense. A catro días do 29N, PSdeG e BNG afean “enchufismo e caciquismo” na Deputación de Ourense tras unha información de El País sobre prazas obtidas por familiares e membros do PP ourensán: un sobriño da cabeza de lista do PP ao Congreso, Ana Vázquez; un curmán da vicepresidenta da Deputación e alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Nóvoa; e un concelleiro do PP en Cartelle, entre outros. O PSdeG lembra que en 2014 o histórico presidente José Luis Baltar foi condenado a nove anos de inhabilitación por prevaricación pola contratación irregular de 104 persoas, e pide a dimisión inmediata do actual presidente, Luis Menor; o BNG fala de “uso partidista das institucións” [71]. A Deputación e o PP defenden a “legalidade e garantías” dos procesos —bases avaladas polos sindicatos na mesa de negociación, tribunais de composición técnica e autónoma, ningunha reclamación nin impugnación rexistrada— e o PP provincial responde lembrando a condena da Audiencia de Badaxoz ao irmán de Pedro Sánchez [71].
E logo están as fotografías e as viaxes con Marcial Dorado. Segundo eldiario.es, non foi unha única imaxe, senón anos de amizade e viaxes a Canarias, Eivissa, os Picos de Europa e Portugal. Feixóo sostén que non sabía a que se dedicaba Dorado, que xa fora detido na operación Nécora. O libro Fariña, de Nacho Carretero, abordou a relación entre narcotráfico e política galega, como recolleu El Salto. O secuestro xudicial do libro rematou cunha indemnización para o autor e a editora, segundo ABC.
O contorno familiar: contratos públicos e unha concesión para acceder á praia
Feixóo pediu o voto invocando «decencia y gestión». A hemeroteca recolle tamén preguntas sobre contratos públicos e intereses familiares. Son asuntos que deben presentarse con precisión: a existencia de contratos ou dunha solicitude administrativa non proba, por si soa, unha ilegalidade.
Eulen e os contratos da Xunta
Segundo eldiario.es, o Grupo Eulen, onde Micaela Núñez, irmá de Feixóo, é directora da Zona Noroeste, acumulou adxudicacións da Xunta por valor de 54 millóns de euros en quince anos, 37 deles durante a presidencia de Feixóo.
A mesma información sinala que a súa curmá Eloína Núñez, nomeada xerente do hospital de Ourense corenta días despois da toma de posesión do seu curmán e ascendida en 2017 a máxima responsable da área sanitaria de Santiago, asinou na recta final do seu mandato un contrato de 3,9 millóns de euros con Eulen para a seguridade dos hospitais e centros de atención primaria da área.
En 2022, a maioría absoluta do PP no Parlamento evitou que o Consello de Contas revisase estas contratacións, como pedira a oposición. En setembro de 2024, o PP rexeitou crear unha comisión de investigación sobre elas, segundo eldiario.es. Non consta, segundo a información achegada, un procedemento xudicial por estes contratos. O PP cualificou as acusacións de «infundadas» e defendeu que as mesas de contratación están formadas por empregados públicos cualificados e que «todo es transparente». O PSOE anunciou que impulsaría unha investigación formal.
A casa de Moaña e o acceso á praia
En febreiro de 2025, Eva Cárdenas, parella de Feixóo, solicitou a Costas unha concesión ata 2037 sobre uns 210 metros cadrados de dominio público marítimo-terrestre que permiten acceder directamente á praia do Con desde o seu chalé de Tirán, en Moaña. A solicitude enmarcábase no expediente aberto por Costas para recuperar a posesión dese terreo público, segundo La Voz de Galicia.
En maio de 2025, o Servizo Provincial de Costas denegou a concesión porque a solicitante non acreditara a titularidade nin que o terreo fose privado antes da entrada en vigor da Lei de Costas de 1988. Cárdenas anunciou un recurso. Contra a concesión alegaran o Concello de Moaña, o PSOE, Sumar e Ecoloxistas en Acción, segundo Faro de Vigo.
Contratos de emerxencia durante a pandemia
A oposición reclamou tamén revisar os contratos a dedo da crise da COVID-19. Entre eles están os de Universal Support, empresa de telemarketing encargada do rastrexo de contaxios, na que Ignacio Cárdenas, irmán de Eva Cárdenas, era director comercial. A empresa obtivo 204.076 euros en contratacións a dedo entre 2020 e 2022, segundo recolle eldiario.es, que cita información de El Salto.
Tamén se cuestionaron os contratos de Sibucu 360, provedora de material sanitario vinculada a un empresario inhabilitado en 2018 por fraude fiscal. A empresa admitiu ter importado máscaras «etiquetadas de forma incorrecta», pero negou terlle vendido ese material á Xunta. Sobre Mape Asesores, a información sinala sobreprezos do 37%.
En abril de 2022, no último pleno de Feixóo como presidente, o PP vetou unha auditoría externa dos contratos tramitados por urxencia pola Consellería de Sanidade durante a pandemia. O BNG cifrou as adxudicacións de emerxencia en polo menos 96 millóns de euros só en 2020 e denunciou que se fixeran «sin ningún tipo de publicidad». O PP cualificou as acusacións de «ridículas» e defendeu que as empresas contratadas tiñan domicilio fiscal coñecido e ofrecían o material máis barato, segundo eldiario.es.
En febreiro de 2024, o PP volveu rexeitar a auditoría. Alfonso Rueda argumentou que os contratos do SERGAS xa foran examinados polo Consello de Contas e que a petición buscaba «desviar la atención» do caso Koldo: «No vamos a entrar en ese juego, desde la tranquilidad de haber hecho las cosas bien», recolleu eldiario.es. O informe do Consello de Contas, segundo eldiario.es, incluía obxeccións ao proceder da Xunta e censuraba tratos verbais e sen publicidade.
As caixas e a débeda: «A min gústanme as contas»
«A mí me gustan las cuentas. A ustedes les gustan los cuentos», díxolle Feixóo a Pedro Sánchez no minuto 44. Dúas contas da súa etapa galega merecen quedar sobre a mesa.

Baixo o seu Goberno fusionáronse Caixa Galicia e Caixanova para crear Novacaixagalicia. O rescate público da entidade custou 9.159 millóns de euros, segundo o Tribunal de Contas, tal e como recolleu El Ideal Gallego. E a súa venta poesterior ao banco venezolano BANESCO, non quedou exento de polémica cando o banco declarou máis de 1.100 millóns de beneficio só no primeiro exercicio. As caixas galegas, historicamente ligadas á obra social do país, desapareceron e a compra de Banesco deu como resultado a creación de ABANCA.
A débeda pública galega pasou de 3.923 millóns de euros en abril de 2009, cando Feixóo chegou á presidencia, a 11.823 millóns en xuño de 2022, cando deixou o cargo. Son 7.900 millóns máis, segundo os datos do Banco de España recollidos por Newtral.
Emprego público: unha temporalidade que segue sen resolverse
Galicia pechou 2025 cun 22,4% de persoal temporal nas súas administracións, case o triplo do límite do 8% fixado pola normativa estatal, segundo Faro de Vigo. A Xunta tivo que abrir procesos extraordinarios de estabilización en aplicación da lei estatal de 2021 e da propia Lei galega 5/2022. Centos de interinos que non superaron as probas foron cesados, segundo Faro de Vigo.
A temporalidade actual segue por riba da rexistrada entre 2011 e 2015, en plena etapa de Feixóo. A lei que tratou de corrixir o problema chegou despois de anos nos que o emprego público galego acumulou precariedade.
Maiores e dependencia: as denuncias sobre o sistema de coidados
En xuño de 2024, sete entidades de familiares, usuarios e traballadores de residencias asinaron un manifesto que denunciaba un «maltrato ocultado e desgraciadamente normalizado» no sistema galego de coidados, así como «normativas deseñadas para o negocio do sector» e «ausencia de controles reais». É a denuncia das entidades, non unha resolución xudicial nin un feito probado. Reclaman máis residencias públicas e centros de día, inspeccións sen aviso e investigar as circunstancias das 964 mortes de persoas maiores nas residencias galegas durante a pandemia, que aseguran que seguen sen investigarse. O manifesto e as súas demandas foron recollidos por Praza Pública.
DomusVi, empresa nacida das residencias Geriatros de Caixanova, foi un dos operadores destacados do sector en Galicia. Durante a pandemia, varias das súas residencias rexistraron numerosas mortes por coronavirus. A compañía recorreu ante o TSXG para impedir que a Xunta divulgase os datos por centro; o tribunal rexeitou os recursos e a información acabou publicándose. Unha residencia de DomusVi foi a que acumulou máis falecementos nos primeiros nove meses da pandemia, segundo Praza Pública. A súa directiva Josefina Fernández, que se vacinou antes de que lle correspondese por idade, foi destituída como conselleira delegada a finais de 2021 e deixou a empresa en abril de 2023.
A transparencia sobre os falecementos tamén tardou. O BNG e o PSdeG pedían no Parlamento desde 2020 os datos por residencia. A Xunta chegou a responderlles que llos reclamasen ao Goberno central, malia que a información obraba no seu poder. Só despois de que Praza.gal publicase as cifras pola vía da lei de transparencia, en agosto de 2022, o PP aceptou entregalas. O documento non entrou no rexistro parlamentario ata o 30 de decembro dese ano, dous anos despois. Os datos indicaron que o 53% das 509 mortes con COVID nas residencias durante os primeiros nove meses da pandemia foran en centros de DomusVi ou da Fundación San Rosendo. Un informe da USC encargado pola propia Xunta constatou que a incidencia do virus nas residencias privadas fora case o dobre que nas públicas, segundo Praza Pública.
Tamén foi cuestionada a aplicación da Lei de transparencia. A Valedora do Pobo sinalou que a norma «carece de regulación fronte aos incumprimentos»: se a Xunta ignora unha resolución que lle ordena entregar información, a lei non establece consecuencias efectivas e á cidadanía só lle queda acudir aos tribunais, segundo Praza Pública.
O contraste coa campaña foi visible: nas cinco semanas entre a convocatoria das eleccións do 18F de 2024 e a votación, altos cargos da Xunta de Alfonso Rueda realizaron polo menos 27 visitas oficiais a residencias e centros de día en 22 concellos, segundo Praza Pública.
Industria e territorio: ALTRI, a eólica e a «lei de depredación»
ALTRI. Feixóo despediuse de Galicia apadriñando a factoría da portuguesa ALTRI en Palas de Rei, declarada proxecto industrial estratéxico pola Xunta en 2022. Presentada como fábrica téxtil «sostible», era unha macrocelulosa de 400.000 toneladas anuais xunto ao Camiño de Santiago, que consumiría tanta auga como toda a provincia de Lugo, segundo EL PAÍS. En xullo de 2026, a Xunta anunciou o arquivo definitivo do proxecto por consideralo «inviable», segundo El Correo Gallego.
Plan eólico. Nada máis chegar á Xunta, Feixóo suspendeu o concurso eólico do bipartito. Os tribunais anulárono despois por arbitrario e por «desviación de poder». A lei de 2009 coa que prometeu unha nova planificación nunca se desenvolveu: o plan sectorial vixente segue a ser o de 1997, que nin a propia Xunta respecta, segundo Praza Pública. O sector medrou un 18% durante os trece anos do seu mandato, fronte ao 36% dos cinco anos anteriores, segundo Público.
A «lei de depredación». En 2017, o PP aprobou en solitario a Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais, coñecida así pola oposición e polos movementos sociais. A norma simplificou controis ambientais e patrimoniais na minería, a eólica e o monte, reduciu a capacidade de decisión dos concellos e facilitou expropiacións para grandes proxectos, segundo Praza Pública.
San Finx. A reapertura da mina levou á imputación por prevaricación ambiental do director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, tras unha denuncia da Fiscalía, segundo ElPlural. Feixóo alegou que a concesión fora outorgada polo goberno anterior, segundo Europa Press.
Corcoesto. En 2012, Feixóo anunciou un acordo coa mineira canadense Edgewater para extraer ouro a ceo aberto en Corcoesto, con 110 millóns de euros de investimento e 1.400 empregos prometidos. O proxecto técnico, porén, falaba de 271 empregos directos e 500 indirectos. Os datos aparecen na presentación pública do proxecto e en Vozpópuli. Altos cargos da Xunta avalaran o proxecto ante investidores internacionais, segundo a demanda de Edgewater recollida por Economía Digital.
En 2013, o Goberno galego esixiulle á empresa unha ampliación de capital de 30,4 millóns de euros e contratos de financiamento por 91,2 millóns. Tamén lle pediu un aval de 120 millóns en dez días. En marzo de 2014 denegou a autorización e cancelou os dereitos mineiros por falta de solvencia técnica e financeira, segundo Economía Digital, Vozpópuli e OCMAL. A Xunta non pechou daquela a porta a un novo proxecto e anunciou un canon mineiro, segundo Economía Digital. O alcalde do PP de Cabana criticou o «cambio das regras de xogo no minuto 80», segundo eldiario.es.
Edgewater reclamou arredor de 20 millóns de euros ante o TSXG e alegou trato discriminatorio fronte a outros proxectos mineiros. A empresa achegou ao proceso 42 expedientes doutras compañías para apoiar a súa alegación, segundo Economía Digital, Praza Pública e Economía Digital. No recurso, a compañía afirmou que, tras unha reunión con fondos de investimento en 2013, recibira «insinuacións e, nalgún caso, presión» sobre que empresa faría o movemento de terras e quen sería o seu director xeral, segundo Vozpópuli.
En 2014, o presidente e conselleiro delegado de Edgewater, George Salamis, escribiu nun correo sobre «amigos del presidente [Feijóo]» e ofertas de «ayuda (que generalmente quiere decir dinero en una maleta Samsonite)». O correo foi incorporado a un proceso xudicial, segundo infoLibre e Vozpópuli.
En 2016, Edgewater presentou unha demanda de arbitraxe internacional contra España. Nela, Salamis asegurou que un alto cargo de Sacyr lle dixera en outubro de 2014 que debía pagar 1,5 millóns de euros para obter o permiso, e que o diñeiro se repartiría supostamente entre altos cargos da Xunta, incluídos Feixóo, Tahoces e o exconselleiro Agustín Hernández. A mesma demanda sostivo que, tras a paralización, a Xunta negociara «ao máis alto nivel» cunha empresa do Ibex para reactivar a mina, segundo infoLibre e eldiario.es.
Cómpre subliñalo: é unha denuncia, non un feito probado. eldiario.es describiuna como unha acusación grave sen máis probas que as palabras do presidente da compañía. Feixóo respondeu: «son calumnias porque están despechados». Ningún tribunal estableceu a veracidade da acusación. Cando a Xunta pediu á Fiscalía actuar contra os directivos de Edgewater por calumnias, o xulgado e a Audiencia Provincial da Coruña arquivaron esa vía. Consideraron as acusacións «indudablemente impropias», pero non unha «imputación certa, directa e eficaz», segundo infoLibre e eldiario.es.
A batalla legal custoulle á Xunta polo menos 589.316 euros públicos. Os 150.000 dólares do depósito para a arbitraxe da Haia saíron da partida do «ticket eléctrico», destinada a axudar as familias con menos recursos a pagar a luz, segundo eldiario.es. En 2016, o Tribunal Constitucional desestimou o recurso do Goberno central contra a lei galega que cancelaba os dereitos mineiros de Edgewater, segundo La Opinión A Coruña e OCMAL.
Promesas e manual reciclados: do «Contrato con Galicia» ao «asedio» político
En febreiro de 2009, durante a campaña, Feixóo asinou un «Contrato con Galicia» con catorce compromisos que presentou como palabra «política, persoal e moral». Incluía a austeridade, a baixada de impostos e a «rexeneración democrática». A oposición reprochoulle despois o incumprimento de boa parte das promesas. En xaneiro de 2023, xa como líder do PP, presentou un «contrato co país» que reproducía literalmente fragmentos do documento de 2009 e recuperaba a proposta de que nos concellos gobernase automaticamente a lista máis votada. O seu partido, porén, entregara en 2019 a alcaldía de Ourense á terceira forza en votos. Ademais, o sistema vixente xa atribúe a alcaldía á lista máis votada cando ningunha candidatura logra a maioría absoluta do pleno, segundo Praza Pública.
O manual de campaña tamén ten historia. En 2009, o PP de Feixóo atacou o suposto «luxo» do bipartito: os coches oficiais, as obras de San Caetano e os «mojitos» da Feira do Libro da Habana. Circularon tamén panfletos anónimos, correos de remitente descoñecido e unha falsa noticia sobre un accidente de tráfico de Anxo Quintana; o PP negou estar detrás. Xa no Goberno, as remodelacións de San Caetano superaron os 100 millóns de euros e, pouco antes da marcha de Feixóo a Madrid, a Xunta renovou os vehículos oficiais do presidente e dos conselleiros. Emilio Pérez Touriño afirmou que Feixóo, como conselleiro e vicepresidente con Fraga, circulara nun Audi A8, un modelo do que o Goberno de Fraga mercara dous. En 2022, xa como líder do PP, o mesmo guión reapareceu contra o Goberno de coalición estatal, con Irene Montero como obxectivo, segundo Praza Pública.
A lexitimidade do adversario é outro argumento recorrente. Nun mitin en Sanxenxo durante a campaña de 2009, Feixóo dixo que «para ser presidente só se require unha cousa, gañar limpamente as eleccións» e que Touriño «nunca gañou unhas eleccións». O Goberno de PSdeG e BNG sumaba daquela o 51,64% dos votos, 110.000 máis que o PP. En decembro de 2022, Feixóo esixiu eleccións anticipadas porque, dixo, «o plan de Sánchez non ten lexitimidade», segundo Praza Pública.
En xaneiro de 2023, ao condenar o asalto bolsonarista aos poderes do Brasil, censurou «unha manifestación no Congreso mentres un presidente que gañou as eleccións toma posesión». O 23 de novembro de 2005, uns douscentos cargos do PP romperan o cordón policial do Pazo do Hórreo e entraran no recinto do Parlamento galego. Feixóo, daquela número dous do grupo popular, abandonou o pleno e tomou a pancarta cos manifestantes, segundo Praza Pública.
Feijóo non pode acudir a ningún debate para dar leccions de xestión, salvo que previamente borre a abundante hemeroteca nas súas costas polos 30 anos como xestor de todo, sen experiencia de nada.
