Stellantis Vigo comezou a produción en serie da nova versión Smart Compact Van dos vehículos comerciais que produce para Citroën, Fiat, Opel e Peugeot cunha produción media diaria de 100 unidades. Os novos Citroën Berlingo First, Fiat Doblò EasyPRO, Opel Combo Start e Peugeot Partner Active están a chegar a rede comercial do mercado europeo, segundo informou a empresa, “ampliando a familia de furgonetas compactas de Stellantis Prol One e en liña coa estratexia FaSTLane 2030, orientada a impulsar o crecemento a través do produto”.
Durante os últimos meses, os novos vehículos percorreron, por Vigo e a súa contorna, preto de 100.000 quilómetros en probas de rodaxe na estrada, destinadas a avaliar a experiencia de condución, o comportamento en marcha e as evolucións incorporadas antes do inicio da súa produción en serie.
A industrialización destas versións, concibidas para responder as necesidades dos clientes profesionais, requiriu adaptacións nos Talleres de Embutición, Montaxe, Calidade e Loxística da planta viguesa para integrar as novidades incorporadas nos modelos e garantir os estándares esixidos para a súa produción.
O proxecto mobilizou a 250 profesionais da planta de Vigo e outras áreas do Grupo, nun proceso que implicou de forma coordinada aos equipos de produción e enxeñaría. Os Smart Compact Van redefinen o espazo do habitáculo para ofrecer máis funcionalidade, incorporando elementos innovadores como un asento modular (Flexiseat), que se pode encartar para aumentar o volume de carga en 0,5 m3 ou a mesa modular, que permite crear unha oficina móbil.
A gama preséntase cunha motorización 100% eléctrica, de ata 270 Km de autonomía, e dúas de combustión (diésel e gasolina). Tanto a versión eléctrica como a térmica prodúcense, xunto ao resto da saga, na Liña 2 de Montaxe. Stellantis Vigo produce cada día 1.250 vehículos comerciais nas súas diferentes versións.
