A acampada pola vivenda de Vigo iniciou este domingo o proceso de desmonte do asentamento levantado na Praza de Compostela hai un mes. Paralelamente, prepara unha concentración convocada o luns para criticar a “negativa” do Concello de Vigo a darlle unha alternativa habitacional a unha decena de persoas en situación de rúa, algo que a concelleira responsable nega “radicalmente”.
O venres, o colectivo dirixiuse por carta ao Concello e á Xunta para solicitar unha “intervención urxente” ante a situación deste grupo de persoas, que ata agora pasaban a noite na Alameda. Co levantamento da acampada, a súa situación xera unha “enorme preocupación”, dado que actualmente reciben “acompañamento, apoio alimentario e protección” por parte dos seus compañeiros no asentamento.
A través dun novo comunicado, o colectivo tachou de “inaceptable” a resposta municipal, que, segundo asegurou, redúcese a “uns albergues cheos e unha lista de espera”. “Ademais, alega que os servizos están saturados pola campaña de ‘Nadal Xuntos’ e que non hai onda de frío, polo que non se poden activar as axudas de emerxencia municipal”, engadiu.
Consideran que todo iso non supón “ningunha solución real” para máis de 10 persoas que “necesitan un teito agora mesmo”. Aos membros da acampada preocúpalles especialmente os efectos que xerará a “exposición continua á choiva” sobre elas. Por este motivo, convocado unha concentración este luns, 15 de novembro, ás 11.00 horas na Praza do Rei, fronte ao Concello.
Ao Concello pídenlle que active as axudas de emerxencia municipal e garanta unha alternativa habitacional “inmediata” para todas as persoas afectadas; e á Xunta reclámalle que asuma a súa responsabilidade e achegue unha solución. “Unha lista de espera non é un teito, e unha campaña de Nadal non pode servir de escusa para deixar xente na rúa en pleno temporal”, resolveron.
O CONCELLO NÉGAO “RADICALMENTE”
A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, negou que esta fose a súa resposta. Segundo a súa versión, trasladada nun audio remitido aos medios, o Concello contestou o mesmo venres ao correo enviado e activou un dispositivo de emerxencia para que “unha traballadora social atendese ás persoas que referían ter problemas de solución habitacional”.
Tamén as convidou a presentarse “a calquera hora” no edificio municipal para ser entrevistadas. “É radicalmente falso, e pódese demostrar, que o Concello de Vigo non estea a atender as demandas de solucións habitacionales da acampada pola vivenda”, expuxo.
Ademais, referiuse a un programa municipal de acceso á vivenda no mercado libre con intermediación social e sinalou que, a través del, poderanse buscar “solucións personalizadas para cada un dos perfís”. Iso si, indicou que, para poder facelo, estas persoas deben acudir á traballadora social en cuestión e manter a entrevista requirida.
As ACAMPADAS TERMÍNANSE, O MOVEMENTO CONTINÚA
Deste xeito, as acampadas pola vivenda de Galicia encamíñanse cara ao seu fin, aínda que co ánimo xeral de manter vivos os colectivos creados e trasladar a loita aos barrios. A de Pontevedra foi a primeira en recoller: abandonou a Alameda entre o xoves 12 e o venres 13, unha vez pasada a folga xeral.
Pola súa banda, a de Santiago, que nos últimos días xa viu reducido o seu número de tendas, avanzou o sábado nas tarefas de recollida e, este domingo, xa eran moi poucas as que aínda quedaban instaladas na Praza do Obradoiro. Pola súa banda, Vigo estenderá o proceso de desmonte ata polo menos o final da próxima semana, sen unha data concreta para o termo destes labores.
Con todo, segundo avisan, este non será o fin do movemento. Por exemplo, en Pontevedra, os seus integrantes anticiparon a súa intención de trasladar as asembleas e actividades aos barrios. Ao mesmo tempo, en Vigo, as persoas que integran a acampada continuarán a súa actividade como un colectivo asembleario e irán da man dos xa existentes na cidade.
