O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta atrás ata o 25 de decembro, que acompañará os 47 días restantes con mensaxes en diferentes idiomas e que está situado na rúa Policarpo Sanz, á beira da gran árbore de Nadal.
“Todo o mundo sabe que o Nadal de todo o planeta é a de Vigo. Cando nós iniciamos a conta atrás, enseguida empezan todos os concellos de España, todos os de Europa e unha parte importante dos de América a facer a súa propia”, asegurou o rexedor desde un espazo habilitado xunto á pantalla. A unha semana do aceso de luces da cidade, previsto para a tarde do sábado 14, Abel Caballero realizou a súa tradicional conta atrás plurilingüe (en inglés, castelán e galego) e, ao terminar estes 10 segundos, pulsou o botón vermello que puxo en marcha o contador.
Este reloxo será testemuña de “cada segundo, cada minuto, cada hora, cada día, cada semana e cada mes” que queden ata o 25 de decembro. Acompáñano distintas animacións do Nadal e, cada pouco tempo, o seu texto cambia a diferentes idiomas: inglés, italiano, francés, portugués e español, entre eles.
O alcalde tamén reivindicou que, “nun momento no que o Nadal ía desaparecer”, Vigo foi o “revulsivo” que se encargou de que esta época do ano fose “irreversiblemente cara a adiante”. “Fixemos algo máis especial aínda: en Vigo creamos o Nadal do século XXI“, asegurou Abel Caballero. Ademais, lembrou que este ano o Nadal incorporará novidades como unha colaboración con Disney +, que suporá a instalación dunha ornamentación tridimensional en Policarpo Sanz e a celebración dun gran desfile por García Barbón a partir das 17.00 do día do aceso de luces.
