Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o “dereito a teito” e denunciar o encarecemento da vivenda na cidade. Baixo o lema “Menos luces e máis vivendas”, os participantes esixiron ao Concello e á Xunta de Galicia medidas para facilitar o acceso a unha vivenda a prezos asumibles. “Non hai dereito a vivir sen teito”, “Que pasa, que pasa, que non temos casa”, “Xunta culpable, Concello responsable” ou “Violencia é non chegar a fin de mes” foron algunhas das consignas que se escoitaron durante a mobilización. Os manifestantes denunciaron que os prezos dos alugueiros continúan aumentando mentres, segundo os seus cálculos, existen máis de 22.000 vivendas baleiras en Vigo que poderían mobilizarse para ampliar a oferta residencial.
UNHA CRISE QUE AFECTA Á CLASE TRABALLADORA E Á MOCIDADE
Desde Alianza pola Vivenda advertiron de que as dificultades para acceder a unha casa afectan a sectores cada vez máis amplos da sociedade. “Unha crise habitacional que afecta a clase traballadora, á mocidade e ás persoas xubiladas, pero tamén aos colectivos vulnerables e invisibilizados que sofren nas súas carnes os abusos, o racismo e a discriminación do sector inmobiliario”, denunciaron desde a plataforma. A organización considera necesario que as administracións adopten medidas para afrontar unha situación que, segundo sostén, está a dificultar o acceso e o mantemento dunha vivenda para numerosos fogares.
DECLARAR VIGO ZONA TENSIONADA E FREAR OS PISOS TURÍSTICOS
Entre as principais reivindicacións da protesta figura a declaración de Vigo como zona de mercado residencial tensionado, unha medida que permitiría aplicar mecanismos de regulación dos prezos dos alugueiros nos termos previstos pola lexislación. Os manifestantes tamén reclaman a creación dun parque público de vivenda a partir dos inmobles xa existentes, mediante a mobilización de pisos baleiros. Outra das demandas é establecer unha moratoria para frear a expansión das vivendas de uso turístico en todo o municipio. Ademais, a plataforma solicita buscar emprazamentos alternativos para o proxecto de interese autonómico previsto en Lavadores, co obxectivo de evitar que a súa execución supoña a expulsión da veciñanza do barrio.
CHAMAMENTO Á FOLGA XERAL DO 11 DE NOVEMBRO
A protesta tamén serviu para facer un chamamento á participación na folga xeral convocada para o próximo 11 de novembro. Desde Alianza pola Vivenda animaron a cidadanía a secundar esta convocatoria e continuar coas mobilizacións para esixir respostas ante a “precariedade” e o incremento do custo da vida. Os participantes insistiron na necesidade de que tanto a Xunta como o Concello actúen para facilitar o acceso á vivenda e dar resposta ás demandas expresadas durante a concentración.
