A xunta directiva do Consello Galego de Economistas aprobou por unanimidade a concesión do V Premio Economía a Delta Vigo, empresa especializada en enxeñaría de procesos centrada sobre todo en sectores como a automoción e a aeronáutica.
A candidatura, proposta polo Colexio de Economistas de Pontevedra, promove a máxima distinción para o grupo empresarial familiar que preside Francisco Puga, recoñecendo o seu liderado desde a súa fundación en 1947, “por estar á vangarda do desenvolvemento de aeroestruturas a nivel internacional, pola súa aposta pola innovación e pola súa contribución á dinamización do emprego e do desenvolvemento empresarial en Galicia”.
Segundo indica o Consello nun comunicado, Delta Vigo conta na actualidade con tres plantas na área metropolitana de Vigo (Delta Vigo Peinador, Delta Vigo PTL Valladares e Delta Vigo Aeroestruturas Nigrán), ademais doutra en Illescas (Toledo) e oficinas en Hamburgo e Donauwörth (Alemaña), que dan emprego a 232 persoas.
O V Premio Economía entregarase nun grande acto empresarial e institucional que se celebrará o vindeiro 10 de decembro na sede de Afundación en Vigo. Nel, Delta Vigo unirase a destacadas compañías distinguidas con anterioridade con este galardón, como Stellantis, Gadisa, Lence e Grupo Coren.
