O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores o informe de impacto ambiental favorable do proxecto de instalación de tres sistemas de almacenamento de enerxía eléctrica mediante baterías no concello pontevedrés do Porriño.
Segundo a documentación, o proxecto consiste na construción de tres sistemas de almacenamento de enerxía con baterías, compostos cada un deles por seis contedores de baterías para unha potencia total de 7,2 megavatios (MW), ademais de bloques de potencia e transformación, liñas de interconexión e demais infraestruturas necesarias.
Estarán situados no Porriño, nun terreo recuperado da canteira Vilafría III, en proceso de regularización catastral, segundo recolle o DOG. Medio Ambiente non ve posibles efectos adversos significativos causados por esta iniciativa, polo que lle dá luz verde, sempre que se cumpran os termos establecidos.
