InicioSociedadeCiencia en galego para rir e namorar este novembro

Ciencia en galego para rir e namorar este novembro

Este mércores abre o prazo para o envío de vídeos ao concurso de monólogos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Este mércores 4 de novembro celébrase en Galicia o Día da Ciencia en Galego e, como cada ano, a Universidade de Vigo súmase a esta celebración con diferentes actividades ao longo de todo o mes coas que reivindicar o uso da lingua no ámbito científico. A cita chega este ano coa estrea de Seducindo con ciencias, dinámica de citas rápidas divulgativas que convidan a namorar do galego; o lanzamento da 2ª edición do concurso de monólogos Gargallada científica e a publicación dunha nova escolma de termos, dedicada, nesta ocasión, ás matemáticas, á astronomía e á botánica.

A novidade na programación deste ano, o programa de citas rápidas co persoal investigador da UVigo Seducindo con ciencias, terá lugar o 26 de novembro en Vigo: pola mañá no campus, pensado para a comunidade universitaria, e, xa pola tarde, no edifico Redeiras, aberto ao conxunto da cidadanía. “A dinámica será individual e consistirá en presentar proxectos científicos mediante encontros de tres minutos, nos que cada persoa investigadora terá o reto de seducir e facer ‘match’ coa persoa que teña en fronte”, sinalan dende a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo, servizo encargado da organización das actividades.

Ao finalizar as citas, as persoas asistentes poderán escoller o proxecto que máis os seducise, o match científico, e a persoa investigadora que mellor conseguise captar o seu interese a través da comunicación, o match divulgativo. Deste xeito, a actividade busca poñer en valor tanto a relevancia dos proxectos como a capacidade do persoal investigador para explicalos en galego de forma atractiva e próxima. A quenda de mañá desenvolverase entre as 11.00 e as 12.30 horas no espazo Incuvi, na praza Miralles; e a de tarde, entre as 17.00 e as 18.30 horas, no terceiro andar do edificio Redeiras, aberto á participación da calquera persoa maior de 12 anos. Os únicos requisitos son inscribirse a través do formulario habilitado na plataforma Eventbrite.

Entre os case 20 investigadores e investigadoras participantes figuran proxectos sobre socioloxía, biotecnoloxía, tradución para a dobraxe, fisioloxía vexetal, ciberseguridade ou arqueoloxía prehistórica, entre outros. “Tamén haberá sorpresas, como a posibilidade de participar nunha cita a cegas cunha persoa investigadora”, explican dende a UCC+i. A iniciativa pretende achegar os proxectos de investigación da Universidade de Vigo tanto á cidadanía como á comunidade universitaria, promovendo a divulgación científica en lingua galega e poñendo en valor a investigación que se desenvolve neste idioma. Así mesmo, busca crear un espazo de encontro interdisciplinar que favoreza a cooperación entre grupos de investigación e fomentar as habilidades comunicativas das persoas investigadoras.

MONÓLOGOS GARGALLADA CIENTÍFICA

A 2ª edición de Gargallada científica, o certame de monólogos que convida ao persoal investigador a “botar man da retranca, a sorna e a ironía” para explicar o seu traballo en galego a través dun vídeo orixinal e inédito de máximo tres minutos, abre inscricións mañá mércores ás 12.00 horas e rematará o vindeiro 3 de decembro á mesma hora. As pezas audiovisuais deberán abordar un tema científico ou tecnolóxico cun enfoque divulgativo, empregando unha linguaxe sinxela e unha estrutura atractiva para un público non especializado. Os vídeos terán que presentarse en formato MP4, gravados en horizontal e sen edición, efectos especiais nin diapositivas, e non se admitirán traballos realizados por profesionais.

Segundo establecen as bases, as persoas participantes deberán enviar o vídeo, ou unha ligazón para descargalo, ao enderezo ucc@uvigo.gal, indicando no asunto ‘Gargallada científica’ e achegando no corpo da mensaxe os seus datos de identificación e contacto. Os monólogos que cumpran as bases publicaranse na canle de YouTube da UCC+i. O concurso contará cun único premio, consistente nun kit audiovisual valorado en 500 euros e o xurado valorará o contido divulgativo, a creatividade, o humor e a calidade técnica das pezas. O fallo darase a coñecer o 4 de decembro.

A programación divulgativa polo Día da Ciencia en Galego completarase coa terceira entrega da Escolma de termos científicos, un miniglosario que ten como obxectivo recoller e conservar termos procedentes de distintas áreas de coñecemento e vinculados co territorio propio. A publicación, que estará dispoñible proximamente, recollerá unha selección de conceptos de tres ámbitos de coñecemento: as matemáticas, a astronomía e a botánica.

No ámbito das matemáticas, contarase coa participación de Marcos Loureiro García, profesor na área de Didáctica da Matemática; Sandro Caeiro Oliveira, da de Matemática Aplicada; e Eliezer Rajoy Sanromán, profesor e coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega da Escola Oficial de Idiomas de Vigo. A sección dedicada á astronomía correrá a cargo da catedrática Ana María Ulla Miguel e de Cintia Cabada Malvar, investigadora predoutoral. Por último, no ámbito da botánica, as autoras son Nerea Cazás Fraga, investigadora predoutoral no Centro de Investigación Mariña, e Celestino Quintela Sabarís, investigador posdoutoral na área de Botánica.

APOIO DA FECYT

Estas actividades forman parte do plan anual de actividades de divulgación da Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo, Ciencia de ida e volta, que conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Nelas participan persoas investigadoras en fase predoutoral contratadas ao abeiro do Programa de axudas á etapa predoutoral da Xunta de Galicia, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, cofinanciado pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

ÚLTIMAS

Un xulgado de Vigo anula o peche dun protocolo de acoso escolar tras incumprir o centro os prazos legais

O maxistrado da Sala número 2 da sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia...

Luz verde ambiental para tres sistemas de almacenamento de enerxía en baterías no Porriño (Pontevedra)

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores o informe de impacto ambiental...

Delta Vigo, distinguido co V Premio Economía do Consello Galego de Economistas

A xunta directiva do Consello Galego de Economistas aprobou por unanimidade a concesión do...

O TSXG condena o Concello de Vigo a pagar case 4,6 millóns ao Porto por incumprir o mantemento de ‘Abrir Vigo ao Mar’

Un convenio asinado hai máis de tres décadas para transformar e abrir ao público...