O alcalde de Vigo, Abel Caballero, augurou este martes que o PP deixará de gobernar a Deputación de Pontevedra tras as vindeiras eleccións municipais e que Carmela Silva será a “próxima presidenta” da institución provincial. Así o trasladou en declaracións remitidas aos medios, nas que volveu criticar o goberno provincial do PP por “enganar” a cidade e por “mentir” sobre os investimentos en Vigo.
O rexedor olívico puxo en cuestión que a Deputación destinase ou comprometese case 67 millóns de euros para Vigo, unha afirmación que cualificou de “disparate cósmico”, e volveu criticar a achega provincial para a reforma do Teatro Cine Fraga, porque supón “regalar” fondos á Xunta, que é “a dona” do edificio.
Tamén acusou a Deputación de non querer asinar os convenios para o investimento anual de 5 millóns de euros en obras e criticou que o PP lle está “tomando o pelo” a Vigo. “É que van perder as eleccións. É que todo o mundo sabe que a Deputación a vai gañar, imos gañala nós. Vai ser Carmela Silva a seguinte presidenta da Deputación”, proclamou Abel Caballero, que acusou a institución provincial de estar “traizoando” a cidade.
“Crense que somos parvos. Estes da Deputación e estes do PP de Vigo, crense que a xente en Vigo somos parvos. Non, sabemos moi ben que están a facer unha inmensa estafa política a esta cidade e unha inmensa estafa de recursos a esta cidade co cine Fraga, atrasándoo xa tantos anos. Ata agora non fixeron nada”, salientou.
Finalmente, volveu criticar que os orzamentos provinciais de 2027 reserven 9 millóns para o Museo Provincial e nada para os museos vigueses, cando a cidade ten “catro veces máis habitantes ca Pontevedra”; e denunciou tamén que só haxa unha partida de 250.000 euros para o proxecto de reforma da grada de Tribuna, cando “lle teñen que dedicar millóns e millóns de euros”. “Un cuarto de millón, douscentos cincuenta mil euros. Pero se iso non chega nin para poñer unha pedra alí”, subliñou, antes de criticar tamén a negativa da Deputación a pagar voos desde Peinador.
“NON HAI PERSOA NO PLANETA QUE PENSE MÁIS NAS ELECCIÓNS”
En resposta a estas declaracións, a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, constatou que “non hai persoa neste planeta que pense máis nas eleccións que Abel Caballero“. “Niso si que é o mellor do mundo. Hoxe volveuno demostrar”, proclamou e preguntou se “tanto o presiona Carmela Silva para ter un despacho”.
En declaracións enviadas aos medios, Sánchez cualificou as críticas do alcalde como “unha rabieta máis do presidente do club de fans de Pedro Sánchez”, e lamentou que Caballero non apoie a recuperación do Cine Fraga “por capricho”, ou que “non queira que a Deputación teña patrimonio en Vigo”. Con respecto aos investimentos provinciais na cidade, convidouno a que, “como catedrático en Economía que é, faga as contas” para comprobar que o diñeiro comprometido con Vigo neste mandato (incluídas as partidas previstas nos orzamentos do ano que vén) suma eses case 67 millóns de euros.
No tocante a Peinador, volveu repetir que Lavacolla captou unha base de Wizz Air coa fórmula que ela propón para Peinador. “Vai ter dez rutas directas grazas a un acordo entre o Ministerio de Transportes (PSOE), a Xunta (Partido Popular) e o Concello de Santiago (BNG). Vigo podería ter este mesmo pacto. Pero Abel Caballero, o último socorrista de Pedro Sánchez, impídeo por puro sectarismo político”, rematou.
