InicioSociedadeA UVigo busca romper a "cadea de exclusión": cinco persoas procedentes do...

A UVigo busca romper a “cadea de exclusión”: cinco persoas procedentes do sistema de protección de menores reciben xa apoio para estudar

A universidade pon en marcha un programa piloto para facilitar o acceso e a continuidade dos estudos superiores de mozos e mozas que afrontan a emancipación ao cumprir os 18 anos. A reitora, Carmen García Mateo, defende que "o futuro dunha persoa non estea determinado pola súa orixe".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Universidade de Vigo (UVigo) puxo en marcha un programa piloto de inclusión académica destinado a persoas procedentes do sistema de protección de menores da Xunta, unha iniciativa que xa acompaña actualmente a cinco persoas e coa que busca facilitar o acceso e a continuidade dos estudos universitarios. A reitora da institución, Carmen García Mateo, defendeu este mércores o papel das universidades públicas como “ascensores sociais” capaces de contribuír á inclusión académica destes mozos e mozas, incidindo na necesidade de garantir que “o futuro dunha persoa non estea determinado pola súa orixe”. O programa nace dun convenio de colaboración entre a universidade e a Consellería de Política Social e Igualdade e pretende ofrecer apoio nunha etapa especialmente importante para as persoas que proceden do sistema de protección.

Durante a presentación da iniciativa, o profesor responsable do programa, Deibe Fernández, explicou que o obxectivo é configurar un sistema de acompañamento que vaia “máis aló dos 18 anos”, de maneira que as persoas incluídas no sistema de protección de menores “teñan claro que hai unha opción de acceder á universidade”. Neste sentido, destacou a importancia de “romper” coa “cadea de exclusión”, ofrecendo ferramentas que permitan afrontar as dificultades que poden aparecer durante a transición cara á vida adulta e a educación superior. “Cando o alumnado do programa chega á universidade ábrese un proceso de emancipación e un mundo de incertezas e inseguridades que necesita medidas de apoio. O proceso de transición é fundamental”, sinalou Fernández, quen tamén defendeu a necesidade de “sensibilizar e formar” os profesionais que acompañan os estudantes durante este proceso.

CUMPRIR 18 ANOS E AFRONTAR A EMANCIPACIÓN: AS DIFICULTADES PARA ACCEDER Á UNIVERSIDADE

A directora da Unidade de Diversidade da UVigo, Raquel Rei, tamén destacou a importancia de ter en conta as circunstancias particulares das persoas participantes e de valorar “as diferentes experiencias, coñecementos e traxectorias vitais” de cada unha delas, ao considerar que esta diversidade “contribúe a construír unha institución máis aberta, plural e comprometida coa súa realidade”. Neste sentido, Rei advertiu de que “a inclusión non é unha meta que se alcanza dunha vez e para sempre, é un compromiso que require colaboración, recursos e vontade institucional”, defendendo así a necesidade de manter medidas de acompañamento que respondan ás dificultades que poden atopar estes estudantes.

A responsable universitaria explicou que o cumprimento dos 18 anos representa un momento especialmente complexo para moitas persoas procedentes do sistema de protección de menores, xa que deben afrontar cambios relacionados coa súa autonomía e coas responsabilidades da vida adulta. “Ao cumprir os 18 anos, moitas persoas enfróntanse a unha transición especialmente complicada. Como consecuencia, algunhas delas, ás veces, deben asumir responsabilidades vinculadas á vivenda, o emprego ou a autonomía persoal”, subliñou. Esta situación pode dificultar o acceso á educación superior ou a continuidade dos estudos, mesmo entre persoas que contan coa preparación e coa motivación necesarias para desenvolvelos. “Así, algunhas con capacidade, motivación e gran potencial ven dificultades para o acceso ou continuidade nos seus estudos universitarios, aí é onde este programa quere actuar”, explicou Rei.

CATRO LIÑAS DE ACTUACIÓN PARA FACILITAR A INCLUSIÓN UNIVERSITARIA

Para responder a estas necesidades, o programa piloto da UVigo estrutúrase arredor de catro liñas principais de actuación, segundo detallou a directora da Unidade de Diversidade. A primeira céntrase no acompañamento individualizado das persoas participantes, mentres que a segunda está orientada ao apoio relacionado coas bolsas e cos estudos. A terceira contempla a formación e coordinación das persoas implicadas no propio sistema de protección de menores, co obxectivo de favorecer o acompañamento dos estudantes, e a cuarta busca ampliar o impacto do programa “máis aló” das persoas que participan directamente nel.

Con estas actuacións, a Universidade de Vigo pretende “facer visible” a existencia das dificultades que afrontan as persoas procedentes do sistema de protección de menores e favorecer o seu “desenvolvemento normal” dentro da institución universitaria. O programa, que xa ofrece acompañamento a cinco persoas, busca así contribuír a que a transición cara á vida adulta e as responsabilidades relacionadas coa emancipación non se convertan nun obstáculo para acceder á universidade ou continuar os estudos superiores.

ÚLTIMAS

Vigo únese á dor polo accidente de Toledo: Abel Caballero suspende axenda e pide que “este país estea unido” ante a traxedia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou a cancelación de toda a súa axenda...

Xulgado en Vigo por increpar un camareiro homosexual: “Axeónllate e arrepíntete ante Deus por ser homosexual”

Un home acusado de increpar e insultar reiteradamente un traballador dunha cafetería de Vigo...

Caballero amosa o seu apoio aos centros escolares públicos: “As obras que non fai a Xunta facémolas nós”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo este martes unha reunión con membros da...

A FIFA visitará en novembro e decembro as sedes do Mundial 2030

A FIFA efectuará unha serie de visitas a sedes do Mundial 2030 en España,...