A FIFA efectuará unha serie de visitas a sedes do Mundial 2030 en España, Marrocos e Portugal nos próximos meses de novembro e decembro, para reunirse cos representantes municipais, rexionais e nacionais do tres países e inspeccionar os estadios candidatos e infraestruturas de apoio.
Segundo un comunicado do organismo reitor do fútbol mundial, unha delegación da FIFA visitará cidades anfitrioas candidatas e estadios de España, Marrocos e Portugal, anfitrións do Mundial 2030. “Estas visitas constitúen unha fase importante do proceso de selección das sedes e permitirán que a FIFA avalíe a preparación e os plans operativos da competición, así como as infraestruturas propostas de cada sede candidata”, informou a nota de prensa.
Durante as visitas, a delegación da FIFA reunirase con representantes das autoridades municipais, rexionais e nacionais, administradores de estadios, grupos de interese de transporte e mobilidade, provedores de aloxamento e outros socios principais. Así, a delegación visitará Agadir, Barcelona, Bilbao, Casabranca, Fes, As Palmas, Lisboa, Madrid, Marrakech, O Porto, Rabat, San Sebastián, Sevilla, Tánxer e Zaragoza, e podería engadir outras cidades durante este proceso de selección.
“As visitas ás posibles sedes están concibidas para axudar a avaliar cada cidade anfitrioa e estadio candidatos a partir dos requisitos de organización da FIFA. Este proceso axudará á FIFA a adoptar as súas decisións sobre a elección definitiva das sedes do Mundial 2030″, dixo o comunicado.
Ademais, informaron de que a cantidade e o tipo de partidos que se disputarán en cada sede decidiranse “unha vez que se confirmen as cidades anfitrioas”. “Doutra banda, a FIFA segue traballando estreitamente con todos os grupos de interese de Marrocos, Portugal e España para avanzar nos preparativos da competición”, concluíu a nota de prensa.
