Unha falsa alarma por unha posible fuga de gas obrigou este mediodía a desaloxar temporalmente o profesorado e o alumnado do IES de Valladares, en Vigo. A comunidade educativa permaneceu nunha zona exterior do centro mentres os servizos de emerxencias inspeccionaban as instalacións. O CIAE 112 Galicia recibiu o aviso pouco antes das 12.00 horas, despois de que se detectase un forte cheiro no instituto e de que algunhas persoas manifestasen que se atopaban mal.
Os bombeiros de Vigo desprazáronse ao centro e realizaron medicións, especialmente nas proximidades dos baños, onde se concentraba o mal cheiro. Segundo explicaron, as medicións deron resultado negativo para gases e permitiron descartar a existencia dunha fuga. A inspección determinou que os malos cheiros procedían dos pequenos sumidoiros da zona dos aseos. Tras comprobarse que non existía risco, o instituto recuperou a normalidade e puido retomarse a actividade lectiva.
