A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, esixiu explicacións ao goberno local pola suspensión da licitación do contrato do autobús urbano, de case 470 millóns de euros, e apuntou a que podería estar relacionada cun presunto caso de prácticas colusorias entre as empresas concorrentes. Nun comunicado, Sánchez censurou o “silencio” do alcalde, Abel Caballero, e do concelleiro de Fomento, Javier Pardo, cando se achega un mes desde que se anunciou a paralización do procedemento. Os populares solicitaron a comparecencia de Pardo nas comisións informativas celebradas este luns, pero aseguran que a petición foi “ignorada” polo goberno municipal.
SOSPEITAS SOBRE POSIBLES ACORDOS ENTRE EMPRESAS
Segundo sostén o PP, a suspensión podería responder á existencia de posibles acordos fraudulentos entre empresas para limitar a competencia na licitación. Sánchez cualificou a paralización de “enigmática e sospeitosa” e reclamou que o Concello aclare os motivos e informe de se manterá a suspensión cautelar. “Tres semanas despois segue sen haber ningunha explicación por parte do Concello nin de se se manterá esa suspensión cautelar ou non”, sinalaron os populares.
CRÍTICAS POLA AXUDA PARA A PASS VIGO
O PP sumou a esta reclamación a denuncia da perda dunha subvención estatal de 3,5 millóns de euros destinada a bonificar a Pass Vigo en 2026, que cualificou de “incomprensible e inxustificable”. “Estamos a falar de dous asuntos da máxima transcendencia polos que xa tiñan que dar a cara hai moitos días, pero dos que seguen sen falar, ocultándollos aos vigueses. É un silencio vergonzoso e cómplice”, afirmou Sánchez.
O EXPEDIENTE MANTÉN A CONFIDENCIALIDADE
A suspensión do contrato do bus urbano foi abordada na última Xunta de Goberno Local, fóra da orde do día. Con todo, non transcendeu información do executivo municipal sobre o contido tratado, ao manterse a confidencialidade do expediente.
