Traballadores de Glovo en Vigo e no resto da provincia de Pontevedra convocaron unha folga nos dous vindeiros fins de semana, os días 24 e 25 de outubro e 31 de outubro e 1 de novembro, para reclamar melloras laborais e salariais.
Segundo o presidente do comité de empresa de Glovo na provincia, Fernando González, esta decisión débese á “grave deriva laboral” da empresa, pola “non aplicación do convenio que corresponde á actividade”, que é o de transporte de mercadorías por estrada, segundo reivindica en declaracións a Europa Press.
Tamén lamentou a modificación “unilateral” de quendas e cambios nas condicións de traballo “sen seguir as vías legais” ou o “réxime sancionador” da compañía, que emprega sistemas automatizados para sancionar empregados. González engade entre os motivos da protesta os “frecuentes erros” nos pagamentos da nómina e os atrasos no seu aboamento, ademais da “falta de transparencia”.
Por iso, convocaron unha parada total en toda a provincia os días 24, 25 e 31 de outubro e o 1 de novembro. Iso si, explicou que só en Vigo Glovo opera con traballadores contratados directamente, mentres que noutras cidades se trata de frotas externas.
