O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso presentado pola Xunta contra a sentenza que deu por boa a anulación, por parte do Concello de Vigo, da licenza urbanística concedida á administración autonómica en novembro de 2024 para a construción dun centro de asociacionismo nos antigos xulgados da cidade olívica. O alto tribunal galego revoga así a sentenza de primeira instancia e anula esa suspensión de licenza, argumentando que dita medida adoptada polo Concello de Vigo non ten xustificación legal nin se cumpren os requisitos que permitirían dar marcha atrás na concesión dese permiso.
Na resolución do TSXG, de data 11 de setembro pasado, faise un repaso da cronoloxía deste caso. Así, en febreiro de 2024 a Xunta solicitou licenza para a construción dun centro de asociacionismo na rúa Lalín, nun dos edificios dos antigos xulgados —no outro construíuse o centro de saúde Olimpia Valencia—. En xullo de 2024, o Concello requiriu á Xunta para que achegase nota rexistral sobre a titularidade do inmoble, pero a administración autonómica respondeu sinalando que non consta inscrición rexistral e, por tanto, achegou certificación do inventario de bens da Xunta, onde figura o edificio. Semanas despois, en novembro dese ano, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, outorgou a licenza.
Con todo, pouco tempo despois, en xaneiro de 2025, o Concello anunciaba a suspensión desa licenza, argumentando que se trataba dunha medida temporal, mentres se aclarase a titularidade do inmoble. A Xunta cuestionou a decisión, asegurando que a parcela lle foi traspasada polo Goberno central, que figura inscrita no Rexistro de Bens autonómicos e que o goberno galego estivo pagando o IBI desde entón. Segundo se recolle na sentenza do TSXG, en 1982 o Concello autorizou ao Ministerio de Xustiza a construción dos xulgados na parcela, pero “non consta” ningún procedemento de cesión ou alleamento, constatando, por parte municipal, que “existiu compracencia ou consentimento implícito”.
En todo caso, sinala o Tribunal, o Concello tivo tempo de valorar a situación da parcela, e coñeceu que non figuraba unha inscrición rexistral xa antes de dar a licenza á Xunta. A pesar de ter coñecemento da devandita circunstancia, apunta o TSXG, outorgou o permiso e, por tanto, é “cando menos discutible” que se expresasen dúbidas sobre a titularidade coa licenza xa concedida. Por outra banda, sinala que as suspensións de licenzas outorgadas só poden ser revogadas en determinados supostos e que, neste caso, non se dan. Respecto diso, o Tribunal apunta a que non se tratou dunha defensa do dominio público, senón que se expuxeron dúbidas razoables sobre a titularidade do inmoble.
COMPENSACIÓN
A Xunta adxudicou a obra do Centro de Asociacionismo cun investimento previsto duns 20 millóns de euros. A anulación da licenza obrigou ao goberno galego a resolver o contrato coa empresa adxudicataria dos traballos. No seu día, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, xustificou a paralización do proxecto acusando o goberno galego de pretender quedar cunha parcela municipal e anunciando que o Concello quería ese inmoble para facer un centro para atender aos veciños da zona, aínda que nunca presentou o proxecto nin deu máis detalles. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, valorou este martes a decisión do TSXG, que deu “a razón” ao goberno autonómico.
“A decisión do Concello privou a todos os vigueses, sobre todo ás asociacións, que podían ter alí unha sede (…), dun investimento na cidade de máis de 20 millóns de euros, e un local, un espazo no que poder traballar”, lembrou. “Por tanto, estamos a estudar a posibilidade de reclamar todos os custos que levou esa anulación de licenza por parte do Concello que, aparte de privar dese investimento de 20 millóns, tamén ocasionou uns custos á Facenda Pública, pola anulación dun contrato que xa fora licitado, fora adxudicado e os custos asociados a ese contrato”, engadiu Diego Calvo.
