O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou os recursos de apelación interpostos por tres condenados a un ano e nove meses de cárcere como autores dun delito de estafa ao realizar unha reforma dun piso en Vigo. Desta maneira, o Alto Tribunal galego confirmou a sentenza da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, que condenou en marzo os tres homes por estafar a outro individuo na execución dunha reforma no seu piso na cidade olívica.
Segundo os feitos probados recollidos na sentenza da Audiencia, os investigados pactaron uns traballos coa vítima, que lles entregou un total de 15.700 euros como adianto por unha obra valorada inicialmente en máis de 38.000 euros. A pesar de todo, os agora condenados non chegaron nin a executar os traballos mínimos de demolición.
Por iso, a Audiencia considerou probado que non tiñan “intención real de cumprir co contrato nin de devolver as cantidades percibidas”. Desta maneira, condena os tres a un ano e nove meses de prisión, así como a indemnizar a vítima co diñeiro cobrado. O tribunal aprecia a atenuante de ludopatía nun dos investigados. Agora, o TSXG confirmou a sentenza, que aínda non é firme, xa que pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo.
