O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a bancada de Tribuna do estadio de Balaídos pasará a chamarse ‘Tribuna Iago Aspas’, ao ser Aspas “o xogador máis referencial da historia do Celta”. Así o sinalou nun audio enviado aos medios de comunicación despois de facerse público este mesmo mércores que a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, propuxese que a nova bancada de Gol fose bautizada co nome do futbolista de Moaña.
Con todo, o rexedor indicou no seu audio que será a bancada de Tribuna a que levará o nome de Iago Aspas, asegurando que “moita xente” llo pediu. Sobre por que se escolle esa bancada e non outra, Caballero argumentou que “xa está operativa”, polo que “o nome é inmediato”. Tamén dixo que será a que conte con máis capacidade e que ao seu carón haberá unha estatua do xogador. A pesar de todo, recoñeceu que aínda non lle pediu a conformidade nin a Aspas nin ao club, pero agarda recibila para “asinar o decreto”.
Todo isto despois de que este mércores se coñecese a proposta da Deputación de Pontevedra de denominar Iago Aspas a nova bancada de Gol que está en obras. Fontes do ente provincial consultadas por Europa Press indicaron que a proposta xa lle fora exposta ao xogador hai máis dun ano, rexeitándoa Aspas ao sinalar que seguía en activo. Agora, unha vez que se sabe que se retirará ao final da tempada, o deportista deu o seu visto e prace á Deputación.
Ante a noticia, a propia Luisa Sánchez celebrou que a súa proposta “frutificase”, aínda que recoñeceu que para ela “tiña máis sentido” que fose a bancada de Gol a que recibise o nome de Aspas porque ‘Iago Aspas é o Gol’. “Pero compráceme igualmente que sexa a bancada de Tribuna. Acepto a contraproposta do alcalde, ao que lle agradezo que reaccionase de maneira tan inmediata ao meu formulamento. Á vista está que era unha boa idea”, reivindicou.
Compartir:
- Compartir en Facebook (Se abre en una ventana nueva) Facebook
- Share on X (Se abre en una ventana nueva) X
- Share on LinkedIn (Se abre en una ventana nueva) LinkedIn
- Share on Telegram (Se abre en una ventana nueva) Telegram
- Share on WhatsApp (Se abre en una ventana nueva) WhatsApp
- Share on Mastodon (Se abre en una ventana nueva) Mastodon
- Share on Bluesky (Se abre en una ventana nueva) Bluesky
