Un home aceptou sete meses e medio de prisión por lle tocar a unha menor na rúa e agredir a un policía en Vigo. A vista de conformidade celebrouse esta mañá na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica, e o varón recoñeceu ser culpable dun delito de agresión sexual e doutro de atentado, polo que tamén terá que aboar unha multa de 20 euros, 300 euros á menor e 1.900 ao axente ferido.
As partes tiveron en conta as atenuantes de alteración psíquica e embriaguez. Así mesmo, impúxoselle unha inhabilitación dun ano para exercer a patria potestade e seis meses de inhabilitación para calquera profesión ou actividade que implique contacto con menores.
Segundo recollía o escrito de acusación da Fiscalía, os feitos ocorreron en xullo de 2024, cando o home agarrou de súpeto o cú da menor, e ela e as súas amigas botaron a correr en busca dos seus pais. Unha vez chegou a Policía ao lugar, o varón deulle un puñazo a un dos axentes e, cando o seu compañeiro acudiu a apoialo, tamén recibiu patadas e arañazos por parte do agora condenado
