InicioPolíticaA Xunta acusa Caballero de tratar a auga como se fose súa...

A Xunta acusa Caballero de tratar a auga como se fose súa e pide unha xestión supramunicipal para Vigo e o Val Miñor

Medio Ambiente rexeita que o abastecemento a Baiona se presente como un acto de “xenerosidade” do alcalde vigués e propón crear un consorcio ou unha mancomunidade para coordinar a xestión hídrica da área.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático cargou este domingo contra o alcalde de Vigo, Abel Caballero, pola forma na que anunciou o abastecemento de auga a Baiona desde este luns, ao considerar que o presentou “como se fose unha doazón ou un acto de caridade”.

“Non se pode presentar como un xesto de xenerosidade aquilo que forma parte da obriga de garantir o abastecemento”, censurou o departamento autonómico. O Concello de Vigo comunicara o sábado que atendería a petición formulada ese mesmo día por Baiona, que atravesa dificultades de subministración. O anuncio veu acompañado de novas críticas á Xunta, á que o Goberno vigués acusou dunha “inacción absoluta” ante a situación hídrica da área metropolitana.

A resposta autonómica chegou este domingo cunha mensaxe directa a Caballero. “O alcalde de Vigo debería deixar de falar da auga como se fose propiedade de Abel Caballero. A auga é un ben público e a súa xestión ten que estar sempre ao servizo do interese xeral e, especialmente, da garantía do abastecemento á poboación”, afirmou a Consellería.

A XUNTA DI QUE O PROPIO PLAN DE VIGO PREVÉ ABASTECER BAIONA

Medio Ambiente lembra que o plan municipal de seca de Vigo recoñece a interrelación do seu sistema de abastecemento con outros concellos e contempla expresamente a posibilidade de achegar auga a Baiona cando sexa necesario. Por iso, o departamento de Ángeles Vázquez rexeita que a operación se presente como unha decisión unilateral ou excepcional do Concello vigués. “O que se presenta como se fose unha concesión graciosa do alcalde de Vigo é en realidade un acordo de cooperación entre os diferentes concellos implicados”, sostén. A Xunta tamén discrepa coa explicación técnica ofrecida polo Concello sobre o funcionamento do dispositivo.

DISPUTA TAMÉN SOBRE COMO CHEGARÁ A AUGA A BAIONA

O Goberno vigués explicou que a auga procedente do encoro de Eiras sería bombeada ata Zamáns para, desde alí, abastecer Baiona a través de Nigrán. A Consellería matiza, con todo, que Eiras e Zamáns constitúen dous sistemas diferentes, aínda que interconectados. Segundo a súa explicación, a auga de Eiras chega mediante o bombeo de Macal ata a estación de tratamento de Valladares para abastecer Vigo.

En situacións de escaseza, pódese reducir ou interromper a achega de Zamáns a Valladares, de maneira que a auga almacenada neste encoro quede dispoñible para a toma de Nigrán e, a través dela, para Baiona. “Non se trata de levar auga de Eiras a Zamáns para despois trasladala a Baiona”, insiste a Xunta, senón de empregar Eiras para cubrir as necesidades de Vigo e liberar así recursos de Zamáns para Nigrán e Baiona.

UN CONSORCIO OU UNHA MANCOMUNIDADE PARA XESTIONAR A AUGA

Máis alá do cruce de acusacións, Medio Ambiente considera que a situación evidencia a necesidade dunha planificación supramunicipal do abastecemento na área de Vigo e o Val Miñor. A Xunta rexeita que a xestión dependa dunha “sucesión de acordos puntuais entre alcaldes” cada vez que se produce un problema de escaseza.

Como alternativa, propón fórmulas como a creación dun consorcio ou dunha mancomunidade, que permitan coordinar os recursos hídricos entre os distintos municipios. O obxectivo, segundo a Consellería, sería garantir unha xestión “coordinada, solidaria e eficiente”. “Ante unha situación de escaseza de auga, o que se agarda dos responsables públicos non é que se apropien politicamente dun recurso público, senón que colaboren para garantir que ningún veciño quede sen auga”, conclúe o departamento autonómico.

ÚLTIMAS

Un profesor da Universidade de Vigo reúne 180.000 nomes de invertebrados nunha obra única no mundo

A Universidade de Vigo presentou este venres o último libro do profesor da Facultade...

Dous detidos e un investigado pola malleira a un home nun parking do Porriño

A Garda Civil de Pontevedra detivo a dous homes e investiga a un terceiro...

Organizacións de produtores de Vigo reclaman axilizar axudas ante a “difícil situación” da frota pesqueira

Organizacións de produtores viguesas (Opnapa, OPPC-3 e OPPF-4) trasladaron á secretaria xeral de Pesca,...

Besteiro pon o foco nas 100.000 vivendas baleiras de Galicia e esixe á Xunta actuar, poñendo a Vigo como exemplo de boa xestión: “Non...

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo este venres como exemplo...