O BNG de Vigo esixiu ao Concello e á Xunta que busquen alternativas habitacionais para as persoas sen fogar que se refuxian na antiga estación de autobuses da cidade, ante un novo anuncio de desaloxo.
O portavoz do grupo nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, confirmou que se dirixirá ao alcalde, Abel Caballero, e á delegada da Xunta, Ana Ortiz, para instarlles a que “se dean unha tregua na súa pimpampum partidista” e subscriban un acordo de cooperación para afrontar a situación destas persoas sen fogar, e evitar que se repita o ocorrido coas persoas que vivían na antiga nave de Pescanova.
“As persoas sen teito non son trastes que tirar, senón persoas con dereitos que merecen axuda e atención por parte das administracións públicas”, subliñou o concelleiro do BNG, que incidiu en que a resposta das institucións non pode limitarse a pór valos neses inmobles, senón que deben brindar “alternativas habitacionales dignas”. “Non podemos asumir como algo normal que na maior cidade de Galicia haxa ducias de persoas malviviendo e malmuriendo nas rúas”, subliñou.
Por iso, o BNG propón que Xunta e Concello coordinen recursos e actuacións para garantir a atención social, acompañamento e alternativas de aloxamento. “Deben colaborar, sumar esforzos e recursos para atender as situacións de emerxencia social que se viven na nosa cidade”, sinalou Pérez Igrexas.
