InicioSociedadeVigo activa a prealerta por seca e restrinxe o uso da auga...

Vigo activa a prealerta por seca e restrinxe o uso da auga en baldeos, regos, fontes e duchas das praias

O Concello pide un consumo responsable tras constatar que o encoro de Eiras está ao 86,7 % da súa capacidade, por baixo dos niveis habituais nesta época do ano.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo activou a situación de prealerta por seca e adoptou medidas de restrición no uso da auga, como a suspensión dos baldeos, a limitación dos regos, o peche das fontes ornamentais e das duchas das praias, ao tempo que pediu á cidadanía facer un uso responsable deste ben básico. Así o trasladou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen sinalou que, a día de hoxe, o encoro de Eiras, principal fonte de subministración da cidade e da súa área, está ao 86,7 % da súa capacidade. Segundo explicou, trátase dunha cifra inferior á auga embalsada na mesma data dos últimos anos, agás en 2011, cando a seca foi máis acusada. Con estes datos, a presa ten “auga para cinco meses, esgotando ao límite as reservas dispoñibles”, polo que se activou o comité de seca para facer seguimento da situación.

RESTRICIÓNS NO USO DA AUGA

Entre as medidas adoptadas polo Concello figuran a suspensión dos baldeos, a limitación do rego, o peche das fontes sen circuíto pechado e o peche das duchas das praias. Tamén se prohibe o enchido de piscinas e o lavado de coches fóra dos establecementos autorizados. Igualmente, Caballero explicou que se reforzarán as medidas de seguimento da rede e das perdas ou fugas, unha cuestión que, segundo defendeu, xa desde o Concello “se vixía moito”. O alcalde sinalou ademais que se dirixirá aos concellos da área que se abastecen de Eiras para pedirlles que tamén adopten medidas preventivas. Así mesmo, solicitou a Augas de Galicia que reduza “lixeiramente” o caudal ecolóxico da presa.

CABALLERO DEFENDE OS INVESTIMENTOS MUNICIPAIS

O rexedor vigués puxo en valor os investimentos do Concello no ciclo da auga e subliñou que “practicamente non hai fugas” na rede. Tamén lembrou a construción dunha nova potabilizadora, cun custo duns 23 millóns de euros, “pagada na súa totalidade polo Concello de Vigo”, malia dar servizo tamén a outros municipios. Tras insistir en que a Xunta “achegou cero euros” para esa infraestrutura hidráulica, Caballero sinalou que o goberno municipal recibiu fondos europeos a través do Goberno de España para facer a potabilizadora.

CRÍTICAS Á XUNTA POLA XESTIÓN DA AUGA

O alcalde criticou tamén a administración autonómica por non acceder á construción doutra presa augas arriba no río Oitavén. “Hai moita auga, pero non se garda”, proclamou Caballero, quen asegurou que ese novo encoro “non lle molesta a ninguén e non lle quita a auga a ninguén”, ademais de ser, ao seu xuízo, “ecoloxicamente impecable”. Finalmente, acusou a Xunta de non responder á solicitude realizada polo Concello para poder usar a auga da depuradora no baldeo das rúas, ao tratarse, segundo indicou, de “auga impoluta e limpa”.

ÚLTIMAS

Un profesor da Universidade de Vigo reúne 180.000 nomes de invertebrados nunha obra única no mundo

A Universidade de Vigo presentou este venres o último libro do profesor da Facultade...

Dous detidos e un investigado pola malleira a un home nun parking do Porriño

A Garda Civil de Pontevedra detivo a dous homes e investiga a un terceiro...

Organizacións de produtores de Vigo reclaman axilizar axudas ante a “difícil situación” da frota pesqueira

Organizacións de produtores viguesas (Opnapa, OPPC-3 e OPPF-4) trasladaron á secretaria xeral de Pesca,...

Besteiro pon o foco nas 100.000 vivendas baleiras de Galicia e esixe á Xunta actuar, poñendo a Vigo como exemplo de boa xestión: “Non...

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo este venres como exemplo...