InicioOpinión​Vigo ante a encrucillada: o reto de construír unha alternativa real

​Vigo ante a encrucillada: o reto de construír unha alternativa real

Lois Pérez Leira, activista social e investigador.

PUBLICADO O

- Advertisement -

​A política viguesa atópase nun momento de definición estratéxica. O recente anuncio do Bloque Nacionalista Galego de repetir con Xabier Pérez Igrexas como candidato á alcaldía non é só un movemento interno de partido; é unha mensaxe de estabilidade fronte ao ruído e de política fronte ao espectáculo. Nunha cidade marcada pola omnipresenza dun modelo personalista e profundamente mediático, a figura de Igrexas emerxe como o contrapunto necesario: un militante de sólida formación, coñecedor polo miúdo dos mecanismos municipais e, por riba de todo, xenuinamente preocupado pola fractura social que as luces non dan acadado a iluminar.

​Porén, o diagnóstico é claro: a tarefa que o nacionalismo ten por diante é titánica. Non abonda coa solvencia técnica ou coa ética política. Para enfrontar o populismo de Abel Caballero —un modelo que se di socialista pero que acotío semella máis preocupado pola estética da foto que pola ética do benestar—, o BNG debe asumir un papel histórico. A súa misión en Vigo non é só a de representar as súas siglas, senón a de erixirse na columna vertebral dunha proposta alternativa de esquerdas que sexa verdadeiramente integradora.

​Este novo “polo ilusionador” só será posible se o Bloque é quen de ensanchar a súa base. A cidade precisa dunha lista que respire Vigo en toda a súa complexidade: desde a incorporación de colectivos sociais que levan anos batallando nos barrios, ata a inclusión de voces da inmigración, fundamentais no tecido económico e humano da nosa urbe pero sistematicamente ignoradas nas institucións.

​A fragmentación é o maior inimigo deste cambio necesario. Sería, en efecto, lamentable que pequenas organizacións políticas —algunhas en evidente estado de desintegración— cedesen á tentación de presentar listas alternativas cuxa única utilidade real sería a de restar forzas á única opción de esquerdas con posibilidades de éxito. Vigo non pode permitirse o luxo da división estéril. Un pacto de esquerdas, xeneroso e estratéxico, é a única vía para construír unha alternativa que devolva a cidade á xente e converta a política municipal nunha ferramenta de transformación social e non nun mero escaparate de propaganda.

ÚLTIMAS

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...

Sr. Feijóo, o “cancro” é unha enfermidade, non un modelo de absentismo laboral. Quen coida de quen coida?

Por Pedro de Castro (Vigo - 1978)  Hai persoas que enferman sen estar nunha...