Vigo cumpre este mércores a súa cuarta xornada de folga indefinida do servizo de recollida do lixo, un conflito laboral que mantén a cidade con contedores saturados e rúas ateigadas de residuos. Segundo datos achegados polo persoal, xa se acumulan preto de 1.200 toneladas de desperdicios, unha cifra que segue medrando a razón de arredor de 350 toneladas diarias.
A situación continúa bloqueada despois da reunión mantida onte entre o Comité de Empresa de FCC Medio Ambiente SAU e o concelleiro de Fomento, Javier Pardo, no Concello de Vigo. As fontes sindicais consultadas aseguran que, polo de agora, non houbo avances nin novas convocatorias por parte da dirección da concesionaria. “Estamos á espera, pero non hai movementos”, trasladaron.
O persoal mantén a súa disposición ao diálogo, mais insiste en que existen liñas vermellas innegociables, entre elas o mantemento da xubilación parcial, un dereito que levan máis de dúas décadas exercendo e que a empresa pretende eliminar. Tamén reclaman unha actualización salarial vinculada ao IPC.
Mentres non se alcanza un acordo, a imaxe da cidade deteriorouse visiblemente. Os contedores están a rebordar tanto no centro como nos barrios periféricos, onde a acumulación é aínda máis evidente. En zonas como Samil, que este sábado acollerá o acto central do Día das Forzas Armadas, tamén se observan bolsas e restos fóra dos colectores, que mesmo están a ser esparexidos polas gaivotas.
O persoal continúa a reunirse cada 24 horas na nave de Camposancos para organizar os servizos mínimos e avaliar posibles accións. Pola súa banda, o Concello non fixo pública ningunha valoración sobre o conflito, malia que onte recibiu aos representantes sindicais coincidindo cunha das mobilizacións.
A folga, iniciada o pasado domingo 24 de maio, mantense sen visos de resolución inmediata, mentres Vigo afronta unha das maiores acumulacións de lixo dos últimos anos.
Cuarto día de folga do lixo en Vigo con máis dun millón de quilos sen recoller, ás portas do desfile militar con presenza dos Reis
PUBLICADO O
- Advertisement -
