InicioSociedadeUn xulgado condena o Concello de Vigo pola falta de prevención no...

Un xulgado condena o Concello de Vigo pola falta de prevención no servizo de Bombeiros

A CUT alerta do déficit de efectivos, da falta dunha prevención actualizada e da posibilidade de peche do parque de Esturáns este verán por falta de persoal.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A xuíza da praza 3 da sección do Social do Xulgado do Contencioso de Vigo condenou o Concello pola falta de prevención e seguridade laboral no servizo de Bombeiros, ao considerar que esta situación pon “en grave risco” os traballadores e tamén o “interese xeral”, dada a natureza do servizo que prestan á cidade. Nunha sentenza do pasado 25 de maio, a maxistrada estimou unha demanda interposta polo sindicato CUT, coa intervención doutras centrais sindicais —Casipol, UGT e CIG—, contra o Concello de Vigo por “desatender as situacións de risco” ás que están expostos os traballadores do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento.

Na resolución considérase acreditado que a Inspección de Traballo e Seguridade Social realizou varias actuacións e que, en febreiro de 2024, deu ao Concello un prazo de tres meses para actualizar o Plan de Prevención de Riscos Laborais e un prazo de seis meses para revisar a avaliación de riscos para a seguridade e a saúde dos bombeiros. A xuíza constatou que o actual Plan de Prevención é do ano 2010 e que desde entón houbo variacións no servizo, como o número de efectivos, cambios nos centros de traballo ou traslados. Do mesmo xeito, a avaliación de riscos é de 2018 e a planificación das actividades preventivas é de 2019, e tamén desde entón se produciron cambios no servizo que afectan esa avaliación.

Á vista das declaracións das testemuñas e da documentación achegada, a maxistrada comprobou que “se manteñen” os incumprimentos sinalados pola Inspección de Traballo. “Todo iso evidencia o grave risco, non só para os traballadores, senón tamén para o interese xeral, á vista da importante actividade desenvolvida polo servizo de bombeiros do Concello de Vigo”, recolle a sentenza. Por todo iso, estimou a demanda e condenou a administración municipal “a dar cumprimento efectivo aos requirimentos da Inspección de Traballo e Seguridade Social”.

A CUT ALERTA DO DÉFICIT DE EFECTIVOS

O sindicato CUT sinalou que os incumprimentos do servizo de Prevención municipal afectan “directamente” á organización de quendas, dotacións e protocolos. A central lembrou ademais que esta sentenza se coñece no segundo aniversario da morte do bombeiro Sergio Sanlés, que faleceu en acto de servizo tras caer mentres inspeccionaba un inmoble en ruínas. A CUT advertiu de que, na actualidade, segue existindo no servizo un déficit de persoal e insistiu en que o servizo funciona “por debaixo dos mínimos recomendados”.

Ademais, segundo aclarou o sindicato, o persoal de novo ingreso non estará operativo ata despois do verán, polo que non se poderán reforzar as quendas na época de maior risco. “Iso significa que Vigo afrontará o verán sen unha planificación preventiva actualizada, sen unha adaptación real ás condicións actuais do servizo, con maior risco para os bombeiros e para a cidadanía, e con alta probabilidade de peche do parque de Esturáns por falta de efectivos”, concluíu a CUT.

ÚLTIMAS

Un profesor da Universidade de Vigo reúne 180.000 nomes de invertebrados nunha obra única no mundo

A Universidade de Vigo presentou este venres o último libro do profesor da Facultade...

Dous detidos e un investigado pola malleira a un home nun parking do Porriño

A Garda Civil de Pontevedra detivo a dous homes e investiga a un terceiro...

Organizacións de produtores de Vigo reclaman axilizar axudas ante a “difícil situación” da frota pesqueira

Organizacións de produtores viguesas (Opnapa, OPPC-3 e OPPF-4) trasladaron á secretaria xeral de Pesca,...

Besteiro pon o foco nas 100.000 vivendas baleiras de Galicia e esixe á Xunta actuar, poñendo a Vigo como exemplo de boa xestión: “Non...

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo este venres como exemplo...