Destacadas personalidades como Xosé Manuel Beiras, Méndez Ferrín e o Nobel Adolfo Pérez Esquivel asinan a “Declaración Galega pola Liberdade de Nicolás Maduro”. O acto, celebrado no Hotel Aguas de Mar, denuncia o que consideran un “secuestro ilegal” baixo ordes da administración de Donald Trump.
Destacados representantes da cultura, a política e o pensamento de Galicia anunciaron este xoves en Vigo o inicio dunha activa campaña internacional. O obxectivo central é esixir a liberdade inmediata de Nicolás Maduro e da súa compañeira, Cilia Flores, tras o que cualifican como un traslado forzoso e ilegal aos Estados Unidos.
O acto foi presentado por Lois Pérez Leira, Secretario Executivo da Internacional Antiimperialista dos Pobos, e o militante antifascista Xavier Moreda. Durante a presentación, deuse lectura á “Declaración Galega pola Liberdade de Nicolás Maduro”, un manifesto que apela á histórica relación de irmandade entre o pobo galego e o venezolano.
FIGURAS DESTACADAS
A iniciativa conta co respaldo de nomes de gran peso na sociedade galega e figuras de relevancia internacional, entre eles, Adolfo Pérez Esquivel, Premio Nobel da Paz; Xosé Manuel Beiras, escritor e referente político; Xosé Méndez Ferrín, escritor e ex-presidente da Real Academia Galega e Ignacio Ramonet, xornalista e politólogo.
A declaración subliña o agradecemento histórico de Galicia cara a Venezuela, terra que acolleu con xenerosidade a miles de compatriotas que fuxían da fame e das consecuencias da ditadura franquista. Os asinantes denuncian o atropelo á soberanía venezolana e esixen o cesamento da intervención externa nos asuntos internos do país.
Ademais dos citados, a lista de apoios inclúe unha ampla representación da cultura e a academia, como os escritores Miguel Anxo Fernán Vello e Pilar García Negro, a catedrática Camiño Noia, e representantes de colectivos galegos na diáspora, como Lorena Lores e Luis Fernández Ageitos da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina. Esta campaña en Vigo marca o punto de partida dunha serie de accións de difusión para elevar esta petición de xustiza.
