A Real Academia Galega (RAG) abre este luns en Vigo, cidade natal da homenaxeada este ano, a Semana das Letras Galegas coa proxección do documental ‘Begoña Caamaño: navegar no pracer azul’, que terá lugar ás 19.00 horas na Escola de Arte Dramática (ESAD) de Galicia. O filme —que será presentado nun encontro aberto a todo o público e presentado polo presidente da RAG, Henrique Monteagudo— foi realizado por Miramemira e pode verse na web da RAG e na súa canle de Youtube. Tras a proxección, intervirá o académico Ramón Nicolás, conducindo o coloquio dos directores, Damián Varela e Alba López, así como o vicedirector da ESAD, Roberto Pascual, que coordinou a colaboración deste centro educativo no documental.
Esta peza audiovisual achega á literatura de Begoña Caamaño, marcada pola reinterpretación feminista dos mitos clásicos, e dialoga coa memoria íntima e colectiva nun retrato coral que van debuxando a súa irmá Beatriz, a súa amiga Maika Aguado, a xornalista Amanda Álvarez, o académico Víctor F. Freixanes ou a historiadora Ana Reboreda. A película tamén dá voz aos mozos, que falan sobre os grandes temas presentes na obra de Begoña Caamaño, sobre o seu exercicio como xornalista e sobre o seu activismo. O documental xa tivo unha primeira presentación o pasado 10 de abril no instituto vigués ‘Coia 2’, e a RAG elixiu o CEIP O Pombal para a presentación de Primavera das Letras. Ademais, a cidade olívica acollerá no outono o Simposio das Letras Galegas 2026.
Por outra banda, o próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas, a Real Academia celebrará en Santiago, no Teatro Principal, o seu pleno extraordinario. A sesión comezará ás 12.00 horas, con tres alocucións a cargo de Ana Romaní, Marilar Aleixandre e Víctor F. Freixanes. Neste acto central haberá música en vivo, con Sofía Espiñeira, e pechará a sesión o presidente da RAG, Henrique Monteagudo. O público asistente recibirá como regalo unha publicación conmemorativa ‘Begoña Caamaño presenta Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle’, que recolle dous textos da autora sobre as súas dúas novelas. Ademais destes dous actos, a RAG reforzou a divulgación da figura e legado de Begoña Caamaño na rede coa serie de ‘reels’ ‘É o tempo de Begoña Caamaño’ e o videopodcast ‘Colchas de voces’.
