O goberno municipal de Vigo criticou este martes o acto de colocación da primeira pedra do IES Domingo Villar de Navia, ao que acudiu o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e cualificouno como “sectario” e “partidista“, pola presenza de cargos do PPe porque a administración autonómica non convidou o alcalde, Abel Caballero. Así o trasladou a concelleira de Urbanismo, María José Caride, que insistiu en afear a ausencia do rexedor, a pesar de que o Concello “é titular” da parcela.
Trátase dunha parcela que era propiedade do IGVS e que, segundo marca a lei, no trámite de urbanización, foi transferida ao Concello olívico, como paso previo á cesión, novamente á administración autonómica, para a construción do centro educativo. De feito, no seu momento, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, propuxo ao goberno de Caballero, para axilizar a construción do instituto, que fose o propio IGVS o que cedese directamente o espazo á Consellaría, pero o alcalde non aceptou.
Por outra banda, a concelleira María José Caride asegurou que o atraso na construción desta infraestrutura non é achacable ao Concello, “máis ben ao contrario”, porque o goberno local “leva 8 anos loitando para que se constrúa un novo instituto en Navia, en colaboración coa comunidade educativa e todo Vigo”. Por contra, engadiu, a Xunta fixo “oídos xordos” e “tardou 8 anos en iniciar a construción”. Nese sentido, lembrou que o Concello outorgou licenza en xuño de 2025, aínda que fontes da Xunta xa explicaron que, tras a obtención de licenza, aínda tiveron que facer fronte a un requirimento de Estradas do Estado. Así, as obras de urbanización do polígono 2 adxudicáronse en xullo de 2025 e iniciáronse en agosto dese ano.
Segundo a edila viguesa de Urbanismo, o Concello olívico “colaborou co IGVS constantemente” no proceso de construción da ampliación de Navia, axudando a resolver “problemas e erros” no reparcelamento e concedendo licenzas. “E fronte a esta actitude responsable, o que temos é unha resposta sectaria por parte da Xunta de Rueda. Unha resposta na que nin sequera convida o alcalde de Vigo ao acto, pero iso si, de forma partidista rodéase de cargos do Partido Popular que nada teñen que ver coa execución deste instituto. A Xunta leva 18 anos atrasando a ampliación de Navia e 8 anos paralizando a construción do Instituto Domingo Villar”, proclamou.
Finalmente, insistiu en que o acto deste martes foi “un exemplo antidemocrático, oportunista e de clara deslealdade política”, porque se lle negou ao alcalde participar nese acto institucional. En 2021 a Xunta confirmou a construción dun instituto no barrio de Navia, para o que previamente era necesaria a aprobación, por parte do Concello, dos plans de urbanización. Desde entón, as ‘leas’ entre ambas as administracións foron constantes: o goberno galego acusou a Caballero de bloquear os trámites, mentres o goberno local reclamaba á Xunta a firma dun convenio porque aseguraba que a administración autonómica non quería facer o instituto.
