O BNG presentou este venres na súa sede comarcal de Ferrol a campaña ‘Na Galiza: Paz, soberanía e dereitos‘, unha iniciativa coa que a formación nacionalista pretende facer fronte ao que considera unha preocupante escalada belicista internacional e un proceso de militarización crecente da sociedade galega.
Así mesmo, volve facer un chamamento a participar na protesta convocada por Galiza pola paz convocada para o 30 de maio en Vigo, coincidindo coa presenza dos reis de España pola celebración do desfile das forzas armadas.
Nunha rolda de prensa encabezada pola responsable comarcal do BNG, Pilar Lozano, e o deputado no Parlamento de Galicia Mon Fernández, ambos os dirixentes debullaron os eixos dunha campaña que pivota sobre o rexeitamento ao aumento do gasto militar, a denuncia do imperialismo como raíz dos conflitos armados e a defensa da soberanía galega fronte ao que cualifican como inxerencias do Estado español.
Pilar Lozano sinalou directamente a Estados Unidos e a unha Unión Europea “sumisa aos intereses do imperialismo” como responsables dunha estratexia baseada en “a creación dun clima de medo para xustificar o aumento do gasto en defensa”. A dirixente comarcal advertiu que este incremento orzamentario “repercute directamente na redución dos recursos destinados a sanidade, a educación e a outros servizos públicos”.
Pola súa banda, o deputado autonómico Mon Fernández profundou na análise das relacións internacionais e vinculou a campaña cunha reflexión máis ampla sobre o modelo de sociedade. “Hoxe, máis que nunca, cobra pleno sentido que nos preguntemos en que tipo de mundo queremos vivir, conscientes de que todo nos toca, todo nos afecta”, afirmou.
