A Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA, polas súas siglas en inglés), con sede en Vigo, executou en 2025 unhas 48 245 inspeccións, o que supón un incremento superior ao 5 % respecto das arredor de 45 700 realizadas en 2024.
Así o explicou a directora executiva da Axencia, Susan Steele, nun encontro coa prensa para informar sobre o traballo do último exercicio e sobre a elección dos novos responsables do organismo. Das máis de 48 000 inspeccións coordinadas en 2025, unhas 5 000 foran propostas por infracción, un 4 % máis que as arredor de 4 800 de 2024. En canto ás faltas máis repetidas, o 50 % das rexistradas relacionouse con operacións poscaptura en mar ou en terra, mentres que un 15 % estivo vinculado ás obrigas de declaración e á inscrición dos buques de pesca.
Ademais, o 7 % das infraccións estaba relacionado con artes ou métodos de pesca e o 6 % con épocas de pesca ou zonas de veda, entre outras. Steele detallou o traballo que realizou a Axencia ao longo do ano pasado, no que se executou o 99 % do Programa de Traballo Anual e o 100 % do orzamento. “Ao longo do ano, a EFCA continuou a colaborar estreitamente cos Estados membros da Unión Europea e coa Comisión Europea, prestando apoio operativo na coordinación das actividades de control e inspección pesqueira”, afirmou, en referencia aos sete plans de despregamento conxunto implementados en todas as cuencas mariñas da Unión.
Entre outros asuntos, na rolda de prensa comentouse tamén o contrato para integrar tres novas patrulleiras durante catro anos, cuxo importe ascendería a uns 75 millóns de euros. Segundo indicou o responsable da Unidade de Servizos Corporativos da EFCA, Marcel Dedic, están a dar-se os “últimos pasos” para ese novo contrato, que terá “condicións moi similares” ás do anterior, pero haberá que agardar aínda varios meses para telo confirmado.
NOVO PRESIDENTE
Noutro orde de asuntos, Steele salientou que durante a reunión celebrada este xoves pasado oConsello de Administración da EFCA elixiu ao novo presidente e ao vicepresidente, que exercerán o cargo ata outubro de 2029. En concreto, o director xeral adxunto da Comisión Europea na DG MARE, Kestutis Sadauskas, será o novo presidente da Axencia, mentres que Michael Finn será o vicepresidente, sendo actualmente membro do consello por Irlanda.
