O Tribunal Supremo confirmou a condena de sete anos de prisión para o home que en maio de 2022 cometeu unha agresión sexual contra outro no baño dun aparcadoiro situado na rúa Rosalía de Castro. A resolución ratifica así as decisións previas da Audiencia Provincial de Pontevedra e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A sentenza, con data do 12 de marzo de 2026, inadmite o recurso presentado pola defensa do condenado, que cuestionaba a valoración das probas e a credibilidade do testemuño da vítima. Porén, o alto tribunal considera que a resolución está debidamente fundamentada e apoiada en diferentes elementos probatorios.
Entre as probas tidas en conta polos maxistrados figuran as declaracións de persoas próximas á vítima, así como a dun axente da Policía Nacional que a asistiu tras os feitos. Ademais, inclúense gravacións do aparcadoiro e un informe psiquiátrico que acredita as secuelas derivadas da agresión.
Segundo se considera probado, os feitos tiveron lugar na madrugada do 29 de maio de 2022, cando o agresor abordou á vítima na rúa Rosalía de Castro. Tras dicirlle que lle roubaran o bolso, propúxolle baixar aos baños dun aparcadoiro coa escusa de consumir droga.
Unha vez no interior, pechou a porta e cometeu a agresión sexual, tras o que abandonou o lugar deixando á vítima no chan e levando consigo o seu teléfono móbil.
CONDENA E MEDIDAS COMPLEMENTARIAS
A sentenza establece que o acusado é autor dun delito de agresión sexual con penetración, polo que foi condenado a cinco anos de prisión, e doutro de roubo con violencia, que suma dous anos máis, acadando un total de sete.
Ademais da pena de cárcere, impón a prohibición de achegamento e comunicación coa vítima durante dez anos, así como unha medida de liberdade vixiada durante cinco anos tras o cumprimento da condena. Tamén deberá facer fronte a unha indemnización de 9.000 euros.
A resolución do Tribunal Supremo é firme e non admite recurso.
