O acusado de agredir sexualmente a unha nai e á súa filla con discapacidade en Vigo negou os feitos durante o xuízo celebrado na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica, e asegurou que “nunca xamais” forzou á muller nin tocou á moza, que no momento dos feitos tiña 23 anos. Na súa declaración, o home, de 29 anos na actualidade, sostivo que el e a nova eran “uña e carne” e asegurou tamén que “nunca” se meteu na súa cama. Antes da súa comparecencia, declararan nai e filla. A muller, que explicou que padecía depresión, relatou que coñecera ao acusado nun bar no que el traballaba. A partir de aí, segundo indicou, iniciaron unha amizade e mantiveron relacións sexuais, malia a diferenza de idade entre ambos.
Porén, mentres el si consideraba que eran parella poucos días despois de coñecerse, ela defendeu no xuízo que non era así. Ambos recoñeceron tamén que o home sufrira varios ataques de ansiedade, circunstancia pola que empezou a durmir de maneira puntual na casa delas. Co paso do tempo, esa estancia prolongouse durante varias semanas, ata que a muller decidiu botarlle da vivenda. Segundo o relato da nai, nun momento dado o acusado forzouna a manter relacións sexuais sen preservativo. A muller explicou ademais que, antes dese episodio, xa lle pedira en varias ocasións que marchase da casa tras distintas discusións.
Pola súa banda, a filla, que ten recoñecido un 65 % de discapacidade, asegurou que o procesado a trataba “como unha filla”, pero relatou que lle tocou por enriba da roupa os peitos e as nádegas en varias ocasións. Fronte a estas acusacións, o home negou de forma rotunda calquera comportamento delituoso. Insistiu en que el durmía no dormitorio coa nai e non no sofá, e afirmou tamén que sempre mantivo relacións sexuais con preservativo. Preguntado polo motivo polo que considera que foi denunciado, o acusado sostivo que todo se desencadeou cando, nun momento dado, a moza lle ofreceu cartos para comprarse roupa e el aceptou. Segundo a súa versión, cando a nai soubo o ocorrido recriminoulle os feitos, obrigouno a devolver o diñeiro e a marchar da casa. “Eu non as toquei a ningunha das dúas”, reiterou.
PETICIÓN DE PENAS
A Fiscalía solicita para o procesado ata 21 anos de prisión como suposto autor dun delito continuado de agresión sexual e dun delito de violación, tendo como vítimas á nai e á filla. Segundo o escrito do Ministerio público, os feitos terían ocorrido no ano 2024 no domicilio no que conviviron durante semanas. Pola agresión á moza, a Fiscalía pide sete anos de cárcere, sete anos de liberdade vixiada, a prohibición de achegarse a ela durante 17 anos, e 10 anos de inhabilitación para profesión ou oficio que implique contacto regular con menores. A esa petición súmanse outros 14 anos de prisión pola presunta violación da nai, ademais de 10 anos de liberdade vixiada, 24 anos de orde de afastamento e 20 anos de inhabilitación. Tamén reclama o pago dunha indemnización total de 21.000 euros para as dúas vítimas.
Nas conclusións finais, tanto a Fiscalía como a acusación particular mantiveron íntegramente as súas peticións de pena. Pola contra, a defensa solicitou a libre absolución do acusado, ao considerar que a conduta posterior das denunciantes “non é coherente” coas acusacións formuladas. Neste sentido, o letrado defensor puxo o foco en que, segundo a súa tese, a suposta agresión sexual sería anterior e, malia iso, todos continuaron convivindo con “normalidade” na mesma casa, ata que a relación se rompeu por outro motivo, en referencia ao momento no que a nai descubriu que o procesado utilizara o diñeiro da súa filla.
Compartir:
- Compartir en Facebook (Se abre en una ventana nueva) Facebook
- Share on X (Se abre en una ventana nueva) X
- Share on LinkedIn (Se abre en una ventana nueva) LinkedIn
- Share on Telegram (Se abre en una ventana nueva) Telegram
- Share on WhatsApp (Se abre en una ventana nueva) WhatsApp
- Share on Mastodon (Se abre en una ventana nueva) Mastodon
- Share on Bluesky (Se abre en una ventana nueva) Bluesky
