InicioSociedadeO TSXG ratifica a condena polo crime de Coia: 13 anos e...

O TSXG ratifica a condena polo crime de Coia: 13 anos e medio de prisión para o autor

O alto tribunal galego confirma integramente a sentenza da Audiencia de Pontevedra contra José Luís M.C. por asasinato e tenencia ilícita de armas, ao considerar ben aplicadas as atenuantes de alteración psíquica, medo e confesión.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou integramente a condena imposta pola Audiencia Provincial de Pontevedra a José Luís M.C., declarado culpable por un tribunal de xurado do coñecido como crime de Coia. Nunha sentenza datada o 18 de marzo de 2026, o alto tribunal galego ratifica a pena de 12 anos e seis meses de prisión por un delito de asasinato e a de 1 ano de cárcere por un delito de tenencia ilícita de armas, o que suma unha condena total de 13 anos e medio de prisión.

Os maxistrados avalan a individualización da pena realizada pola Audiencia no delito de asasinato e consideran que foi correctamente fixada ao terse en conta a concorrencia de tres atenuantes: alteración psíquica, medo e confesión. Segundo recolle a resolución, a pena imposta sitúase “próxima á metade inferior” da que corresponde tras a rebaixa dun grao. No relativo ao delito de tenencia ilícita de armas, o TSXG tamén confirma a condena de 1 ano de prisión, ao entender que non concorre ningunha circunstancia atenuante neste caso.

Segundo os feitos declarados probados polo xurado, o crime produciuse na noite do 6 de abril de 2024, cando a vítima, Francisco Javier B.D., que coñecía ao acusado desde había anos, se presentou no seu domicilio armado cun machete e unha barra metálica. A sentenza recolle que José Luís M.C. abriu a porta da vivenda portando unha escopeta e realizou dous disparos, un deles a menos dun metro de distancia. Ese tiro impactou na fazula e na rexión cervical esquerda da vítima e acabou causándolle a morte.

Tal e como concluíu o xurado popular, o acusado actuou aceptando que podía acabar coa vida da vítima e nun contexto no que esta non tivo oportunidade real de defenderse, elemento clave para soster a cualificación de asasinato. A resolución tamén subliña que os disparos foron efectuados cunha escopeta que o procesado tiña no seu domicilio sen licenza e co número de serie borrado, polo que se trataba dunha arma prohibida.

No momento dos feitos, segundo quedou acreditado na causa, o condenado tiña as súas capacidades levemente afectadas polo consumo de cannabis e cocaína e por estar diagnosticado dun trastorno de saúde mental. Ademais, a Audiencia xa apreciara que actuou “por pánico ou terror” ante a presenza da vítima armada cun coitelo e unha barra de aceiro, unha circunstancia que limitou tamén de maneira leve a súa capacidade de actuar doutra forma.

Outro dos elementos valorados foi a confesión do acusado. A sentenza lembra que, unha vez detido pola Policía como presunto autor dos feitos, José Luís M.C. recoñeceu a autoría, contribuíndo de maneira eficaz ao avance da investigación. Coa decisión do TSXG, queda así ratificada na súa totalidade a condena imposta en primeira instancia por un dos sucesos máis coñecidos e impactantes ocorridos en Vigo nos últimos anos, o chamado crime de Coia.

ÚLTIMAS

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...

Sr. Feijóo, o “cancro” é unha enfermidade, non un modelo de absentismo laboral. Quen coida de quen coida?

Por Pedro de Castro (Vigo - 1978)  Hai persoas que enferman sen estar nunha...

Un xulgado de Vigo falla contra a Sareb e permite a un veciño de Privada Moderna quedar no seu piso

A praza 7 da Sección Civil do Tribunal de Instancia de Vigo fallou en...