O BNG de Vigo anunciou este venres a presentación dun paquete de emendas á modificación orzamentaria da xerencia de Urbanismo co obxectivo de destinar a totalidade do seu remanente a reforzar as políticas públicas de vivenda. A proposta nacionalista busca mobilizar máis de 2 millóns de euros adicionais para facer fronte á que cualifican como unha “grave emerxencia habitacional” na cidade olívica.
O portavoz municipal do Bloque, Xabier Pérez Igrexas, denunciou que o acceso a un fogar é cada vez “máis difícil e moito máis caro”, afectando especialmente á mocidade e ás familias con menos recursos. Por este motivo, instou ao Concello a utilizar todas as súas capacidades para garantir que a veciñanza poida “vivir na propia cidade”. Entre as medidas estrela figura a creación dun programa municipal de alternativas habitacionais, dotado con 550.000 euros, para atender a colectivos vulnerables.
PLAN FACILITADOR E AXUDAS ANTE DESAFIUZAMENTOS
Igrexas alertou de que en Vigo se rexistran, de media, ata tres desafiuzamentos á semana. Desde o BNG defenden que “ningún desafiuzamento pode producirse sen unha alternativa digna” e propoñen que o Concello actúe como garante. Para iso, a formación nacionalista deseñou un plan facilitador do aluguer cun orzamento de 1,25 millóns de euros.
Este plan está especificamente dirixido a persoas con baixos ingresos e a menores de 35 anos, co obxectivo de axudalos a afrontar os gastos iniciais da vivenda, como fianzas, avais ou outras garantías. A proposta técnica consiste en ofrecer préstamos sen intereses a 24 meses, facilitando así a emancipación xuvenil e a estabilidade das familias con dificultades para entrar no mercado inmobiliario vigués.
