A CIG presentou este xoves en Vigo os actos previstos para o Día da Clase Obreira Galega, que se conmemora o 10 de marzo, e fixo un chamamento á cidadanía para mobilizarse “contra a precariedade e a desigualdade” e en defensa dun “traballo digno”. Ester Mariño e Raquel Pérez, integrantes da Executiva do sindicato na área viguesa, explicaron que a cidade olívica acollerá unha das 14 manifestacións convocadas ese día en Galicia, mentres que os actos centrais terán lugar en Ferrol.
No caso de Vigo, a mobilización partirá ás 19.00 horas desde o cruzamento da Dobrada. As representantes sindicais lembraron que o 10 de marzo conmemora as mobilizacións obreiras de 1972 en Ferrol e Vigo, durante as cales foron asasinados pola policía dous traballadores da antiga Bazán, Amador Rei e Daniel Niebla, na cidade departamental. “Queremos saír á rúa para lembrar que non somos un pobo sumiso e que, cando a clase obreira se organiza, é capaz de conquistar dereitos e mellorar as súas condicións de vida”, proclamou Ester Mariño.
DEMANDAS QUE SEGUEN “PLENAMENTE VIXENTES”
Segundo subliñou a representante da CIG, as reivindicacións que motivaron aquelas protestas en 1972 seguen estando vixentes na actualidade, nun contexto que cualificou de “empobrecemento xeneralizado, baixos salarios e desigualdades” derivadas das políticas neoliberais e das últimas reformas laborais. Por iso, defendeu que a mobilización social continúa sendo “o camiño necesario para dar resposta a esta crúa realidade”.
Entre os problemas sinalados polo sindicato destacan a persistencia da brecha salarial que afecta ás mulleres, a elevada temporalidade laboral e a deterioración dos salarios. A CIG tamén criticou as políticas do Partido Popular e o aumento dos discursos da ultradereita, ao tempo que denunciou o que cualifican como unha “ofensiva imperialista” encabezada polos Estados Unidos, fronte a unha Unión Europea que, ao seu xuízo, “cada vez parece máis irrelevante”.
