A Xunta de Galicia reivindicou este luns o seu compromiso coa construción de vivenda pública en Vigo, a cidade con maior número de persoas inscritas no rexistro de demandantes. A delegada territorial, Ana Ortiz, lembrou que das vivendas proxectadas —unhas 5.300 en varios ámbitos da cidade— xa hai 919 que están “en marcha” en Navia, mentres que, segundo denunciou, o Concello olívico “non ten ningunha”. No transcurso dun encontro cos medios, Ortiz detallou que existen 309 pisos en construción no polígono 1 e outros 43 coa obra licitada. No polígono 2, a urbanización desenvólvese paralela á proxección doutras 567 vivendas que se licitarán neste primeiro semestre. A estas sumaranse 132 no polígono 3, pendentes de licenzas, xunto á tramitación de 1.400 en Ramón Neto e 2.300 no Ofimático. Ortiz sentenciou que a previsión é entregar as primeiras chaves en 2027, e non en 2040 como vaticinou o alcalde.
En resposta, Abel Caballero volveu acusar a Ana Ortiz de “inventar cousas” e de ser un “cargo político moi menor” encargado de “tomar o pelo” aos vigueses. O rexedor insistiu en que a Xunta só construíu 62 vivendas desde 2009 e que o que se acomete agora en Navia é “pouquiño máis de 200”. Caballero sostivo que o resto de proxectos se executarán “dentro de moito tempo” e cualificou as declaracións da delegada como “falsidades tras falsidades”.
CONFLITO POLO MUNDIAL 2030 E BALAÍDOS
O enfrontamento trasladouse tamén ao ámbito deportivo. O alcalde reiterou a súa acusación de que a Xunta “traballa activamente” para que Vigo non sexa sede do Mundial de 2030, afirmando que non queren pagar a parte que lles correspondería da ampliación de Balaídos. Caballero proclamou que, se non se inicia a obra agora, non se cumprirán os prazos da FIFA, e anunciou que este mesmo martes enviará o proxecto do colector de Tribuna á Xunta para que paguen a súa “terceira parte”.
Pola contra, Ana Ortiz insistiu en que o compromiso da Xunta é achegar fondos a partes iguais con concellos, deputacións e Estado, pero recalcou que a administración autonómica “non ten o proxecto” desas obras e que o alcalde non pode decidir a participación da Xunta de xeito unilateral. Ortiz reiterou que seguen “esperando” por documentos como o do túnel de Elduayen ou o proxecto integral do estadio.
INVESTIMENTOS E “BLOQUEOS” NA ETEA
No repaso de investimentos, a delegada citou proxectos como o Teatro Cinema Fraga, o IES de Navia ou o CIS Olimpia Valencia, pero lamentou o bloqueo municipal no desenvolvemento da ETEA. Ortiz lembrou que a Xunta pediu durante anos o uso do viario municipal para canalizacións e que, malia o acordo de xuño de 2024 entre Caballero e Rueda, seguen á espera do Concello tras a aprobación do convenio en xunta de goberno o pasado 30 de xaneiro. Tamén mencionou outras iniciativas que considera “boicoteadas”, como o centro de asociacionismo da rúa Lalín —que se dirimirá nos tribunais— ou a sinalización do Camiño Portugués.
Finalmente, respecto ao financiamento de voos desde Peinador, Ortiz cualificou de “incongruente” que se solicite axuda á Xunta cando esta leva 13 anos sen achegar nada a aeroportos, criticando o fracaso das rutas subvencionadas por Caballero. Malia a confrontación, a delegada asegurou manter a “man aberta” para colaborar, afirmando que a cidadanía distingue entre a “política seria” e a “política de audios e acusacións”.
