InicioEconomíaO Goberno inicia en Vigo a construción dunha planta de fotónica vinculada...

O Goberno inicia en Vigo a construción dunha planta de fotónica vinculada á Universidade de Vigo

A futura factoría de Sparc, situada en Valladares, prevé estar operativa en 2027 e crear arredor de 200 empregos directos de alta cualificación

PUBLICADO O

- Advertisement -

O ministro para a Transformación Dixital e da Función Pública, Óscar López, participou este venres en Vigo no acto de colocación da primeira pedra da futura planta de fotónica que impulsará a empresa Sparc, especializada no desenvolvemento e produción de semiconductores fotónicos de última xeración.

A nova instalación localizarase no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Valladares e, segundo as previsións avanzadas durante o acto, estará plenamente operativa en 2027. O proxecto contempla a creación de preto de 200 postos de traballo directos de alto valor engadido e arredor de 550 empregos indirectos, vinculados tanto á produción industrial como aos servizos asociados.

Durante a súa intervención, López lembrou que en xullo do ano pasado xa se anunciara o apoio público ao proxecto, nacido no ámbito da Universidade de Vigo. “Tan só seis meses despois, pomos a primeira pedra e plantamos unha cápsula do tempo, pero os traballos xa están en marcha”, sinalou o ministro, quen destacou a rapidez coa que avanzou a iniciativa desde a súa presentación inicial.

As obras do edificio que albergará a factoría foron adxudicadas o pasado mes de novembro. Segundo explicou López, xa se desenvolveron os primeiros prototipos de chips, un paso que permitiu a Sparc iniciar negociacións para acordos comerciais con empresas internacionais, especialmente nos ámbitos das telecomunicacións e das tecnoloxías dixitais avanzadas.

O Ministerio participa no proxecto a través da Sociedade Española para a Transformación Tecnolóxica (SETT), cun investimento de 17,2 millóns de euros. Pola súa banda, o grupo tecnolóxico Indra conta cunha participación do 37 % na compañía.

“Hoxe damos un paso máis na xestación dun súper proxecto tecnolóxico que naceu nunha universidade pública e que estará plenamente operativo en 2027”, afirmou o ministro, que definiu a iniciativa como un exemplo do que cualificou como “Estado emprendedor”.

O responsable de Transformación Dixital subliñou que o investimento busca crear un ecosistema fotónico en Vigo capaz de responder á crecente demanda do mercado europeo. A planta prevé iniciar a súa actividade cunha capacidade de produción de 1.500 obleas ao ano, cun obxectivo de crecemento ata as 20.000 obleas anuais, cun impacto medioambiental “nulo ou mínimo”, segundo indicou.

“Sparc fará de Vigo unha das xoias da coroa da revolución dixital española”, asegurou López, quen destacou a relevancia da fotónica e dos chips de última xeración para a soberanía tecnolóxica e industrial tanto a nivel estatal como comunitario.

APOIO INSTITUCIONAL DENDE O CONCELLO

No acto interveu tamén a primeira tenente de alcalde de Vigo, Carmela Silva, quen agradeceu ao delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, que lle cedese a súa quenda de palabra para garantir presenza feminina no evento. “Este xesto non é menor”, afirmou.

Silva puxo en valor a relevancia da planta para o sistema tecnolóxico da área de Vigo e destacou o “papel fundamental” de Indra no desenvolvemento do proxecto. Pechou o acto o alcalde, Abel Caballero, quen sinalou que “poucos días máis importantes” viviu a cidade que este, ao dar comezo á construción dunha factoría de “altísima tecnoloxía” que definiu como clave para o futuro económico e industrial de Vigo.

ÚLTIMAS

Un cargueiro á deriva fronte a Portugal é remolcado a Vigo tras quedar sen temón

O cargueiro Xeral Eikborg, de bandeira neerlandesa, está a ser remolcado este venres ata...

Sanidade garante a atención aos usuarios de Povisa e abre unha investigación polas denuncias de falta de médicos

A Consellería de Sanidade reiterou este venres que os usuarios do hospital vigués Hospital...

Falece Susi Seoane, referente galega na loita contra a ELA, aos 55 anos

Galicia enteira chora a morte de Susi Seoane Lema, viguesa de 55 anos e...

Casco Vello de Vigo prevé máis vivendas coa rehabilitación dun novo edificio na rúa Real

O Consorcio Casco Vello de Vigo informou dos novos proxectos que pretende levar a...