A plataforma SOS Sanidade Pública convocou unha manifestación para este xoves, 4 de decembro, en Vigo, co obxectivo de esixir a “reconstrución” da Área Sanitaria.
O portavoz, Manuel Moreira, denunciou a situación de “crise sanitaria” na cidade e en Galicia, marcada pola falta de recursos en Atención Primaria, o que deixa concellos sen profesionais de Pediatría e cidadáns sen médico de familia de referencia. Moreira subliñou que esta crise se agrava coas listas de espera hospitalarias, que derivan nun aumento das consultas en Primaria. Ante os orzamentos da Xunta para 2026, a plataforma espera “máis do mesmo”, xa que propoñen as “mesmas solucións aos mesmos problemas”.
Por iso, chamou á cidadanía a manifestarse para reclamar a “reconstrución” da Área Sanitaria e a recuperación pública do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Entre as melloras solicitadas están o reforzo de persoal en áreas como fisioterapia, psicólogos clínicos e administrativos, alegando que “hai profesionais en listas suficiente para facelo”. Tamén reclamou un reforzo hospitalario que permita trasladar os pacientes atendidos en Povisa a un hospital “100 % público”. A manifestación partirá o xoves ás 19.00 horas desde Praza de España ata o cruzamento da rúa Colón con Policarpo Sanz.
“ATENCIÓN DEFICIENTE”
Respecto diso, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, apoiou esta protesta. Nun audio enviado aos medios de comunicación, dixo que a atención sanitaria na cidade é “deficiente”, a pesar de que os profesionais “fan un traballo marabilloso”. “Faltan medios, falta mellor organización, polo que eu estarei nesa manifestación”, asegurou Caballero.
