InicioSociedadeO novo buque oceanográfico da UVigo bota ao mar a ciencia galega:...

O novo buque oceanográfico da UVigo bota ao mar a ciencia galega: listo para operar na próxima primavera

Con motorización híbrida e capacidade para investigar ata 200 metros de profundidade, o ‘CIM UVigo’ estrearase tras recibir punto de amarre no Porto de Vigo.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O barco oceanográfico ‘CIM UVigo‘, do Centro de Investigacións Mariñas da institución académica viguesa, poderá estar operativo a partir de finais da próxima primavera para realizar a súa primeira campaña, segundo avanzou o director do CIM, Daniel Rey, que explicou que a embarcación, de 19,5 metros de eslora, dispón de motorización híbrida, eléctrica e térmica. Así o trasladou durante un acto que tivo lugar no porto de Vigo este venres, no que participaron tamén o reitor, Manuel Reigosa, e o presidente da Autoridade Portuaria, Carlos Botana, e que serviu para escenificar a cesión, por parte do porto, dun punto de amarre para o barco da universidade.

Daniel Rey sinalou que o ‘CIM UVigo’ ten unha autonomía de 300 millas e pode alcanzar os 14 nós de velocidade. O barco, ao que aínda lle falta completar o seu equipamento científico (e incorporar á tripulación), estará tamén dispoñible para outras administracións a través dun sistema de reserva. Cando estea operativo, poderá chegar até o bordo da placa continental e realizar actividades como exploración sismo-acústica, mostraxe de sedimentos, ou análises da columna de auga e da biota, todo iso até uns 200 metros de profundidade.

“Dalgún xeito, é a contribución da Universidade de Vigo á Década dos Océanos, e ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 14, que é sobre a vida mariña“, explicou o director do CIM, que lembrou que o barco foi construído no estaleiro Rodman Polyships, e financiado pola UVigo, o Goberno de España e a Xunta. Pola súa banda, o reitor, Manuel Reigosa, destacou que este buque é un exemplo de “boa colaboración institucional” entre administracións, que se unen no seu apoio á investigación mariña “de tanto nivel” que hai en Vigo, unha investigación que permite ser “competitivos”.

Reigosa sinalou tamén que a UVigo segue “dando pasos” neste ámbito e afirmou que agarda que “algún día” poida estar pechado o proxecto do campus do Mar nos antigos terreos da ETEA. Mentres, o presidente do Porto, Carlos Botana, puxo en valor a colaboración deste organismo coa Universidade de Vigo, e remarcou que o buque ‘CIM UVigo’ é un exemplo de “buque verde” e alíñase coa estratexia da terminal viguesa para ser referente neste ámbito.

ÚLTIMAS

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...

“Estamos desesperados”, veciños de Privada Moderna esixen á Sareb que “cumpra a sentenza” e arranxe os seus pisos

Veciños da rúa Privada Moderna de Vigo esixíronlle á Sociedade de Xestión de Activos...

Sr. Feijóo, o “cancro” é unha enfermidade, non un modelo de absentismo laboral. Quen coida de quen coida?

Por Pedro de Castro (Vigo - 1978)  Hai persoas que enferman sen estar nunha...

Un xulgado de Vigo falla contra a Sareb e permite a un veciño de Privada Moderna quedar no seu piso

A praza 7 da Sección Civil do Tribunal de Instancia de Vigo fallou en...