InicioPolíticaVigo creará un Observatorio da Vivenda coa UVigo e unha empresa pública...

Vigo creará un Observatorio da Vivenda coa UVigo e unha empresa pública para crealas

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Vigo aprobará a próxima semana un convenio con Universidade olívica para a posta en marcha do Observatorio da Vivenda, segundo avanzou o alcalde, Abel Caballero. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor explicou que o Observatorio servirá para “ter un coñecemento perfecto, de forma continua, de como está a vivenda“. Así, obterase información sobre o mercado deste ben básico, a súa evolución, medidas de corrección, a situación do ‘stock’ de vivenda, o estado das vivendas dispoñibles na cidade, o uso do chan que compite co chan residencial, ou a renda necesaria para un aluguer ou unha compra.

O convenio, explicou Caballero, supón que un grupo de expertos da UVigo porán en marcha o Observatorio para dar resposta a estes datos, publicando periodicamente a información. O Concello, pola súa banda, achegará 45.000 euros para o seu funcionamento. “É importantísimo. É o que nos ten que guiar para a corrección e para o coñecemento detallado da vivenda e do mercado da vivenda na cidade”, subliñou Abel Caballero.

Por outra banda, lembrou que outra das medidas municipais en materia de vivenda será a creación dunha empresa pública, e subliñou que o Concello xa está “a iniciar os procesos e expedientes” para adquirir vivendas no mercado libre e incorporalas a un parque público de aluguer. Para esta compra dedicaranse 2,5 millóns de euros, e o prego de condicións establecerá que as vivendas deben ter un prezo máximo de 180.000 euros. O proceso de compra levará a cabo ata decembro de 2026 e as vivendas dedicaranse a persoas con menos recursos, especialmente a xente nova.

CRÍTICAS DO BNG

Ante o anuncio do alcalde, o portavoz do grupo municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, acusou a Caballero de “rirse da cidade” cunha dotación económica para compra de vivenda que apenas permitirá a adquisición de 13, “menos da metade dos 40 pisos que o Concello vendeu en República Arxentina por 5,5 millóns de euros en 2017”.

Ademais, o edil nacionalista, que denunciou a “política de vivenda de Aliexpress” do goberno local, advertiu de que o prego de condicións permite vivendas de 40 metros cadrados “e mesmo estudos de só 25 metros”. “A solución de Abel Caballero ao gravísimo problema da vivenda é ofrecer uns poucos pisos que van ter menos tamaño que o seu despacho no Concello”, sentenciou Pérez Igrexas.

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...